sp_17_zzO día 12 de novembro cómprense catro anos da que podemos considerar maior catástrofe ecolóxica da historia galega e unha das maiores de Europa favorecida por un cúmulo de decisións técnicas erradas, actuacións cando menos escuras e incompetencias flagrantes. Máis a xestación desta catástrofe, e de tantas outras que acontecen no mar e na terra en todo o planeta, comezou moito antes de que o buque Prestige ou o seu fuel chegara as nosas costas. Comezou en cada un de nos como membros e partícipes necesarios da sociedade na que vivimos: todos e todas temos unha parte de culpa e, por tanto, somos indirectamente responsábeis da catástrofe do Prestige.

De seguro que podemos aportar razóns que avalan que non somos responsábeis dos feitos, ou incluso que traballamos arreo para tentar solucionalos. Pero se nos detemos un pouco a pensar, creo que é evidente que o modo de vida, estrutura económica e dinámica de consumo das sociedades industrializadas, entre as que nos atopamos e das que somos parte activa, crean as condicións previas necesarias para que este tipo de catástrofes acontezan, e o que posibelmente é peor, non son quen de asumir a súa solución.

O Prestige non foi un accidente, non foi unha catástrofe inesperada. O verquido do Prestige foi unha consecuencia previsíbel dunhas realidades amplamente denunciadas polo ecoloxismo ao longo dos anos. A primeira é que a nosa sociedade está baseada nun modelo enerxético e de consumo de recursos irracional e destrutivo.  A segunda é que as dinámicas globalizadoras neoliberais favorecen a alegalidade empresarial, abrindo un espazo alleo ao control político dos estados sobre os procesos económicos e empresariais. A terceira é que a desleixo na xestión dos produtos perigosos e falta de prevención da práctica administrativa diaria deixa un mínimo marxe de resposta ante feitos destas características.

E lamentabelmente, a catro anos da catástrofe non avanzamos practicamente nada na solución destas realidades

Un modelo enerxético e de consumo de recursos irracional e destrutivo

O funcionamento das sociedades industrializadas está baseado case exclusivamente no emprego dos combustibles fósiles como fonte de enerxía. Actualmente supón arredor do 75% do consumo enerxético mundial. Esta opción enerxética está tan imbricada na sociedade que non pensamos nela máis que en termos técnicos de extracción e distribución ou económicos como o prezo do barril. Considérase imprescindíbel e insubstituíbel e, polo tanto, obxecto "lexítimo", en aras da defensa dos intereses "nacionais", de guerras tanto militares (Afganistán, Iraq) como político-económicas (Venezuela, Nixeria).

Pero os hidrocarburos non son unicamente o sustento enerxético hexemónico das sociedades industrializadas, son a peza chave dunha complexa trama de procesos e intereses industriais e financeiros. Hai que ter en conta que nas refinerías o cru non só se transforma en gasolina e gasoil, senón tamén en multitude de outros produtos que son a base da industria petroquímica (fertilizantes, plásticos, etc.). Deste xeito, as refinerías convértense nos centros onde se forxan as alianzas entre a industria petroleira, a química, a agroquímica, a automobilística, a aeronáutica e as empresas de transporte, sendo o seu control e mantemento a base fundamental da globalización neoliberal. O equilibrio entre estes poderes confluentes é o que permite un prezo estable e artificialmente baixo dos produtos petrolíferos. Se o petróleo incorporara ao seu prezo base os custos ambientais e sociais que o seu uso supón, este prezo incrementaríase de xeito notábel. O prezo artificialmente baixo dos produtos petrolíferos é o que permite a espiral consumista na que están inmersas as sociedades industriais. Os grandes clúster petroquímicos son actualmente o poder omnipotente que rexe os destinos das nosas vidas. Só hai que ollar a nómina do actual goberno estadounidense para descubrir que as tres cuartas partes traballaron para a industria petroleira en postos directivos, que mesmo aportou financiamento para as súas campañas.

As consecuencias destes feitos son evidentes: efecto invernadoiro, choiva ácida, contaminación de ríos e mares, destrución de masa forestal, desestruturación de sociedades, etc. Exemplos recentes disto témolo no Delta do Río Níxer, nas actuacións de Repsol en Colombia ou Ecuador, nos múltiples accidentes ocorridos no seu transporte, etc.

O destino do fuel-oil que transportaba o Prestige (Singapur), indícanos outra das facetas deste asunto, como son as  políticas enerxéticas e de "desenvolvemento" implantadas polo FMI e o Banco Mundial. A dependencia destes países con respecto ás multinacionais do petróleo fomentouse sistematicamente, apoiando financeiramente a construción de grandes infraestruturas viarias, en detrimento dos medios de transporte colectivos. Os intentos de explotación autosuficiente dos recursos enerxéticos propios anuláronse negando empréstitos e pechando fontes de financiamento. A agricultura autóctona, fundamentada en produtos da zona adaptados as características específicas de solo e climatoloxía, destrúese en favor da agricultura industrial monocultivo baseada no emprego masivo de fertilizantes e maquinaria pesada e, por último, financiando grandes complexos enerxéticos (centrais térmicas e hidroeléctricas) para subministrar enerxía as operacións de espolio de materias primas.

Así, un subproduto do refino do petróleo como era a carga do Prestige ía destinado a queimarse nunha central térmica de Singapur. O Protocolo de Kioto, inscrito dentro do Convenio Marco da ONU sobre Cambio Climático para a redución das emisións contaminantes, permite en certos casos, e segundo o nivel de desenvolvemento económico dos países, a posibilidade de incrementar estas emisións. Esta posibilidade unida á nula lexislación ambiental destes países permite ás petroquímicas venderlles o "detritos" do proceso de refinado, un subproduto que pola súa grande toxicidade está prohibido queimar nas centrais europeas ou estadounidense. Así, algo considerado non válido para o mundo occidental, si que o é para queimalo nas centrais térmicas financiadas polo FMI e o BM dos países non industrializados ou en desenvolvemento. Outro exemplo desta piratería e as súas consecuencias é o acontecido en Costa de Marfil cona intoxicación de centos de persoas co transvase ilegal de residuos tóxicos dende un petroleiro.

Para manter todo este sistema, preto de 6.000 petroleiros navegan cada día polos océanos do mundo, moitos deles por diante das nosas costas. O 90% do crú que chega a Europa faino por mar e, na súa meirande parte, a bordo de barcos non rexistrados na UE, e polo tanto non suxeitos a súa lexislación laboral e de seguridade marítima.

E por último ficamos nos, consumidores e consumidoras finais dos produtos xurdidos deste proceso. Nos, que formamos parte dese 20% privilexiado da humanidade que consume e dilapida o 80%  dos recursos. O noso comportamento como consumidores ten a súa porcentaxe de culpa na catástrofe. O modo de transportármonos, o lixo que xeramos, os produtos que mercamos definen en que medida estamos dispostos a entrar neste xogo irresponsábel e insolidario, de tan funestas consecuencias.

En definitiva, mentres a dependencia e consumo dos produtos petrolíferos se manteña no mesmo nivel e os distintos Estados non sexan quen de erradicar a existencia destes limbos legais en forma de paraísos fiscais e bandeiras de conveniencia, seguiremos a estar expostos á repetición periódica destas catástrofes.

Pero non son só as medidas legais e administrativas as que poden traballar para evitar os vertidos, tamén está na nosa man actuar para tentar cambiar este negro panorama. Na medida que sexamos capaces, como individuos, de trocar os nosos destrutivos hábitos de consumo de recursos, diminuiremos a dependencia dos hidrocarburos. A nosa vida cotián como consumidores é o destino final de todo o sistema de produción. Se asumimos individualmente unha serie de hábitos sinxelos, a suma do compromiso de todos e todas levará forza dabondo para mudar as cousas: diminúe o teu uso automóbil, non merques por mercar, reduce o lixo que xeras, controla o gasto enerxético, merca produtos locais, . . . á dicir, empregar o sentido común e pensar as cousas antes de facelas. Só a través da adopción persoal dunha práctica diaria sostíbel poderemos mudar realmente cara a unha sociedade máis limpa, ecolóxica, segura e xusta.