Verdegaia – Vigo organiza a instalación da exposición realizada pola FEG (Federación Ecoloxista Galega) “Dunas: Espazos únicos a conservar”. Exporase no Punto Xove da Concellalía de Xuventude do Concello de Vigo (situado na rúa López de Neira nº27) dende o día cinco ate o dezaseis de xullo.

Os obxectivos que persegue esta exposición son dar a coñecer a biodiversidade das dunas do litoral galego, poñer á disposición da sociedade material divulgativo e didáctico sobre os sistemas dunares e concienciar da necesidade de conservar os ecosistemas dunares.

Preservar as nosas praias é unha das importantes funcións que posúen as dunas xa que a duna primaria (a máis cercana á praia) actúa coma un almacén de area que lla presta á praia cando o mar lla retira, compensando a variación nas cantidades de area que se dan ao longo do ano. Eliminar as dunas supón perder esta función, e mesmo pode levar á desapariciónda praia.

Amais, as dunas son un banco de especies de flora únicas; as plantas dunares adaptáronse de tal xeito ás condicións de sequidade e salinidade que non son capaces de competir noutros terreos. Así, as dunas convértense en lugares de alto valor biolóxico e moi rico en endemismos.

A costa é o gran destino turístico actual e a paisaxe natural das rías galegas é o gran aliciente dos turistas que buscan unha experiencia xenuína nas súas viaxes. Copiar o modelo urbanístico e turístico de certas zonas do mediterráneo supón dilapidar o noso principal recurso, con grande risco económico a medio prazo.

A necesidade de compatibilizar o desenvolvemento socioeconómico coa conservación da natureza é cada vez máis necesaria, de modo que, por exemplo, a conservación de certos espazos naturais non se poña en perigo en nome dun progreso insustentable e mal entendido.

Un dos maiores problemas na conservación dos espazos costeiros é a presión urbanística. Asumindo a máxima “coñecer para protexer”, esta exposición pretende descobrer os tesouros naturais agochados nas areais dunares.