Verdegaia vén de presentar alegacións a dúas solicitudes de talas indiscriminadas, especialmente de árbores caducifolias (castiñeiros e amieiros) nas parroquias de Torible e de Santa Eulalia de Mazou, as dúas no termo municipal de Lugo.

En Galicia xa hai anos de máis que desapareceron o 90% das carballeiras do territorio e precisamente na provincia de Lugo consérvanse a maior parte das que quedan.            

As bases das nosas alegacións son a grandísima afectación que supón cortar o arboredo, especialmente árbores caducifolias e vexetación de ribeira na zona do regato Acebedo, onde se verá afectada a calidade da auga, eliminaranse os refuxios bioxeográficos e xeolóxicos e aumentará a erosión da auga.            

Resulta curioso comprobar que, por unha banda, en Galicia se dan axudas para fomentar as frondosas caducifolias (Orde do 9 de maio de 2007 pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2007 as axudas para o fomento das frondosas caducifolias, DOG núm. 93, do 15 de maio de 2007) cuns obxectivos cos que estamos plenamente de acordo…

 –favorecer o aumento da biodiversidade-o cambio de especie en masas de eucalipto e/ou acacias en mal estado vexetativo ou afectadas polo Gonipterus scutellatus por frondosas caducifolias -o aumento da densidade en terreos onde existan frondosas caducifolias -a diminución do risco de incendio mediante a creación de devasas con frondosas caducifolias -a protección dos núcleos rurais contra os incendios forestais mediante a creación de devasas naturais con frondosas -incidir na mellora da paisaxe -contribuír a incrementar a longo prazo e ao mantemento ou recuperación da biodiversidade e dun ecosistema forestal san, así como contribuír á función protectora dos bosques. … e, por outra, séguese facendo unha política forestal sen ordenación de ningún tipo, sen repoboar en compensación o que se corta e, sobre todo, permitindo que se faga nos peores sitios, como son as beiras dunha corrente de auga.  

Verdegaia cre que xa é hora de facer unha ordenación seria da explotación forestal que permita “utilizar” racionamente o monte, deixando o equilibrio necesario entre zona arborada, usos agrícolas e gandeiros, monte baixo… e para iso o primeiro que hai que facer é protexer os poucos restos de caducifolias, especialmente as carballeiras.

Debaixo facilitámosvos as alegacións de Torible, xa que as dúas alegacións están redactadas baixo os mesmos argumentos.

2009-08-04_tala_450_carballos_e_70_amieiros_torible_lugo