Cando cualificamos á Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais como lei de Depredación se cadra non imaxinabamos o peso que podía chegar a tomar esa palabra. Sinalamos con ese termo a busca do negocio a custa da nosa natureza e dereitos colectivos. Pero tras desa lei aniña unha maquinaria que non repara en nada se pode obter un beneficio económico inmediato. A natureza é menos natureza se hai diñeiro de por medio, as comunidades menos comunidades e os xenocidios menos xenocidios. As empresas que operan en connivencia coa Xunta de Galicia queren tirar partido diso.
Durante os días finais do pasado mes de xaneiro, Feijoo, acompañado polo Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o director xeral do CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia), Luis Moreno, a delegada do Estado na Zona Franca, Teresa Pedrosa e outros representantes de empresas e centros de innovación, estiveron de visita en Israel, facendo contactos nos sectores da automoción, biotecnoloxía ou agro-industria. De paso, vendendo as facilidades de instalación no noso país que a lei de Depredación abre ás empresas israelitas.
Parece ser que o obxectivo é afianzar a ligazón baseada na tecnoloxía. Evidente, Israel é punteira porque é habitual que a innovación tecnolóxica estea asociada ao potencial da industria militar. No seu caso ademais, a condición de país ocupante, o feito de pretender a limpeza étnica da poboación palestina e a necesidade de superar os condicionantes climáticos levan a este Estado a destacar nese ámbito. Pero non, non se pode separar o civil do militar neste caso, nin o que é económico do político, nin a vista comercial do apoio ao exterminio practicado polos poderes sionistas. Así o entendía tamén a propia embaixada de Israel en España, ao dirixirse en termos condenatorios ao Parlamento galego no 2014, tras unha declaración institucional deste en defensa dos dereitos da poboación palestina. Para esa embaixada non hai temas independentes e quen defende os dereitos desa poboación é automaticamente inimigo de Israel. Visto dende esa mesma perspectiva, a visita de Feijoo avala a postura dese Estado, claramente contraria ás resolucións internacionais e dereitos humanos.
Poderíase facer un texto con multitude de referencias á situación da poboación palestina en Gaza, ás colonias ilegais israelitas en Cisxordania, ao muro do apartheid sionista, aos check-points. Hai moita información accesíbel e de seguro coñecida tamén por políticos como Pedro Puy, que cinicamente declaraba que Israel “é o único país democrático da súa contorna xeográfica”. Feijoo mesmo facía chiscadelas con comparacións absurdas: “dicen que los que más han estado fuera de su lugar de procedencia han sido los judíos, por supuesto, los irlandeses y los gallegos. Una razón sociológica que justifica por sí sola el estar aquí”. Só que en Galiza os xenocidas non foron os nazis senón os compañeiros do fundador do seu partido e a “volta ao lugar de procedencia” planeada polo sionismo incluía o seu particular dereito ao extermino da poboación árabe. Non parece que a sensibilidade de Feijoo admita semellantes sutilezas históricas. Seica tamén destacou, segundo indican os medios, o potencial galego na fabricación de drons de uso civil ou a nosa produción de madeira, lácteos e pesca. Os drons en Israel é sinxelo imaxinar que usos poden ter; a pesca é unha das actividades tradicionais en Gaza que Israel está a tentar dificultar restrinxindo ás embarcacións palestinas o acceso aos seus caladoiros; a madeira é un perverso exemplo de xestión en Galiza. Cada punto ten a súa volta e cada volta dá medo e noxo.
Por todo o anterior apoiamos dende Verdegaia a iniciativa da campaña da BDS (Boicot, Desinvestimentos e Sancións) frente a Israel e as compañías que fan negocio con ese Estado, mentres non se restitúan os dereitos máis elementais da poboación palestina e se respecten os acordos internacionais. Pedimos por iso o boicot a todas as empresas galegas ou con sede en Galiza que participen deste tipo de negocios, así como rexeitamos que quen nos representa realice este tipo de viaxes institucionais, sen a máis mínima mención á cuestión dos dereitos humanos, no noso nome.