minatouronon

Mina Touro-O Pino Non

Verdegaia reitera a oposición ao proxecto de Atalaya Mining para Touro-O Pino, por representar unha grave ameaza para esa comarca. O proxecto é devastador polos seus efectos para saúde das persoas que viven no entorno, os seus modos de vida sustentables e o medio natural. A gran cantidade de material que se prevé mover para a extracción de material destruirá a paisaxe, mobilizará partículas sólidas á atmosfera, e as voaduras previstas farán inhabitable o entorno para persoas e fauna.

O maior risco desta explotación serán as drenaxes ácidas de mina (AMD) que impedirán a estabilización dos residuos mineiros unha vez pechada a mina. As AMD afectarán aos ecosistemas acuáticos, danando a fauna; impedirán o crecemento das comunidades vexetais debido á acumulación de minerais presentes nos solos que dificultan a penetración das raíces; danaran a calidade das augas superficiais e subterráneas, o que engadido ao enorme consumo hídrico da mina porá en risco ás comunidades ao limitar ou impedir o uso da auga; e producirá problemas de bioacumulación de metais pesados que poderán afectar mesmo aos peixes e cultivos mariños da Ría de Arousa ao baixaren polo río Ulla.

Non só desde os colectivos ecoloxistas alertamos deste risco. Dentro da propia documentación sometida a exposición pública atópase un estudo1, encargado pola propia empresa, no que se conclúe que  

 “as rochas encaixantes dos depósitos de cobre de Touro son maioritariamente materiais potencialmente xeradores de procesos acidificantes e poden ser a fonte de cantidades considerábeis de drenaxes ácidas de rocha”.

No estudo alértase ademais do risco de concentracións elevadísimas de metais pesados como o cadmio, cobalto, cobre, molibdeno, antimonio, selenio e cinc, que poderían afectar con facilidade as augas subterráneas e superficiais.

Verdegaia denuncia, ademais, o fraccionamento do proxecto, co que a empresa trata de minimizar a resposta social, así como de restar importancia ao seu impacto ambiental global. Con este fraccionamento cométese un fraude na avaliación ambiental, ao empequenecer o risco total e ocultar o risco sinérxico de tódalas fases da explotación.

A empresa, que pon a exposición pública un proxecto dunhas dimensións, na súa páxina web deixa bastante clara a extensión real que pretenden abarcar coa nova explotación. Na documentación que se fai pública nesa web fálase dun “Proxecto Touro” que afectaría a un conxunto de 10 dereitos mineiros, nos que a concesión de explotación San Rafael é só un tímido primeiro paso2.

Ás malas prácticas da empresa neste aspecto, hai que sumar a opacidade da Dirección Xeral de Minas, que en vez de exercer as súas competencias en materia de inspección e seguridade mineira, parece que está a poñer trabas á participación en materia ambiental da cidadanía. A Dirección Xeral de Minas negounos o acceso aos expedientes das concesións mineiras adxacentes ao que estivo en exposición pública, e dos que Atalaya Mining di na súa web que pretende explotar. A Administración mineira vulnerou así a lexislación estatal e europea en relación ao acceso á información. Esta opacidade, que desgraciadamente vén sendo habitual neste organismo, supón de feito unha actitude de complicidade coas irregularidades na exposición pública por parte da empresa.

É preciso que a cidadanía se mobilice para opoñerse a este proxecto. Por iso apoiamos a tractorada e manifestación a pé do vindeiro día 25, así como toda a actividade que a Plataforma Mina Touro-O Pino Non vén despregando dende hai meses, que consideramos absolutamente necesaria para poder paralizar un proxecto cuxa posta en marcha sería unha mala nova para a veciñanza desa comarca e para a cidadanía de Galiza en xeral.

______________

1 “Briefing Note: High-Level Acid Rock Drainage Risk Assessment of the Touro Copper Deposits, Spain”, Dr. Bernd Lottermoser

2 Véxase “PDF Touro progress announcement (02.06.17)” en http://atalayamining.com/blog/proyecto-touro-progress-update/

_______________

Para máis información podes consultar