Ante a publicación no DOG de 17 de setembro, do anuncio da aprobación inicial das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, Verdegaia denuncia o incumprimento dos trámites administrativos establecidos pola Lei 9/2006 de Avaliación Ambiental Estratéxica por parte da Consellaría de Política Territorial, Obras Puúblicas e Transportes. 

Os trámites administrativos, establecidos na Lei 9/2006 de Avaliación Ambiental Estratéxica, que a COTOP está ignorando gravemente, con este anuncio son:

  • O remate do período de consultas, que vence o día 29 de setembro de 2008.
  • A emisión dun Documento de Referencia, por parte da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no que se integren as directrices ambientais e os criterios de sustentabilidade considerados pola devandita Consellería, amais das aportacións emitidas polo público interesado e polas administracións afectadas.
  • A redacción dun Informe de Sustentabilidade Ambiental por parte da Consellería de Política Territorial, no que se xustifique debidamente a integración das directrices e criterios plantexados no Documento de Referencia, dentro das Directrices de Ordenación do Territorio.
  • Un novo período de exposición pública, establecido nun mínimo de 45 días, no que se recollan observacións e alegacións daquel público interesado e administracións afectadas.
  • A emisión, por parte da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, dunha Memoria Ambiental, na que se resuma todo o procedemento, a integración de criterios, as alegacións e consultas, etc, dando paso á aprobación inicial do Documento de Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia.

A vista deste conxunto de incumprimentos, Verdegaia esixe o cumprimento estricto da lei e o asumo de responsabilidades por parte daqueles axentes causantes desta falta.

Verdegaia considera este feito unha agresión ó dereito á información e á participación en materia ambiental na construcción das Directrices que marcarán as pautas da Ordenación do Territorio galego.

Preguntas_de_verdegaia_sobre_a_aprobación_das_directrices