Lamentablemente, vémonos obrigados a escribir unha nota de prensa por ver en poucos días varias mostras de violencia e incluso asasinatos de persoas defensoras do planeta.

En México foi agredido a balazos Celestino Bartolo Terán, campesiño indíxena binniza e membro do movemento opositor (pacífico, foto asasinatospor suposto) a un megaproxecto eólico do que se conseguiron anular os contratos, despois de dous anos de loita administrativa e protestas. Afortunadamente, parece que foi capaz de fuxir a cabalo e pórse a salvo. 

Os portavoces do movemento acusan directamente o goberno, a empresa UNIÓN FENOSA-GAS NATURAL e a outros interesados en apropiarse dos terreos comunais da zona onde se pretende instalar o megaparque eólico.

 

En Brasil, atoparon morto a balazos o biólogo Gonzalo Alonso Hernández, de 48 anos. Vivía no parque Cunhambebe, no estado brasileiro de Rio de Janeiro. Foi encontrado nunha fervenza do parque que defendía. Non se teñen case dúbidas de que o asesinato foi perpetrado pola súa defensa deste parque durante 8 anos e polas denuncias que presentaba.

 

Non é que as palabras sirvan para moito cando “persoas” empregan a violencia directamente e cando a vida dunha persoa importa menos có rendemento económico que se pode sacar do movemento da auga, do vento e da natureza en xeral. E sobre todo cando hai consecuencias directas de mortes, como é o caso.

Queremos simplemente chamar ó sentido común e a exercer presións pacíficas para evitar que un grupo reducido de investidores na explotación do planeta (o que quere dicir na explotación de calquera ser vivo, incluído o ser humano) poida ter unha vitoria “pírrica”. Isto non quere dicir outra cousa que a vitoria de quen pensa que a auga, o vento, a biodiversidade… non serven máis que para gañar diñeiro… só están provocando a morte do planeta (paradoxicamente con eles tamén dentro).

E non pensemos en ningún momento que este tipo de violencia soamente ten lugar na América latina… en realidade as grandes empresas enerxéticas exercen presión en todos os gobernos do mundo e queren comprar vontades políticas en calquera lugar do planeta.

Este problema non é un problema local de Brasil ou de México… senón un problema global exercito por empresas transnacionais sen escrúpulos nin polo estado do planeta nin polo benestar do ser humano.

Defendamos a quen defende o planeta, porque esas persoas son as que nos defenden a todas as que vivimos nel.

 

Queremos, ademais, lembrar tamén a figura de Jairo Mora, defensor do hábitat de tartarugas mariñas de saqueos nos seus niños na praia Moín, en Costa Rica. Foi secuestrado, xunto con tres voluntarias máis, que conseguiron fuxir. Mais jairo foi asasinado na madrugada do 31 de maio.