Verdegaia apoia as mobilizacións a favor da lingua galega convocadas pola Mesa pola Normalización Lingüística e Galego Sempre Mais para o vindeiro Domingo 17 de Maio. O goberno galego debería deixar de dar cobertura a posturas galegófobas e de amosar preocupación por problemas imaxinarios para pasar a promover e defender decididamente o uso normal da lingua galega, ademais de se centrar na solución de problemas reais como a crise ecolóxica global que estamos xa a padecer e continuamos a alimentar.
A asociación ecopacifista Verdegaia naceu co obxectivo de contribuír para a transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz. No ideario aprobado na súa asemblea constituínte, Verdegaia apostou por construír "un mundo no que podermos (con)vivir en paz —pobos, culturas, humanos e non-humanos, de hoxe e de mañá—", entendendo que isto “supón defender a biodiversidade, mais tamén a non menos ameazada diversidade cultural e lingüística”, polo que decidiu asumir “o compromiso de manter vivas e defender a lingua e cultura galegas”.
Do mesmo modo que avanzarmos na sustentabilidade ecolóxica precisa duns hábitos individuais favorecedores desa sustentabilidade, o uso con normalidade da língua galega é imprescindíbel para que esta continúe con vida e goce de boa saúde en Galiza. Así o fai Verdegaia, interna e externamente, mais coa consciencia de que isto non é abondo, por iso non se limita á promoción dunha mudanza de hábitos individuais. Avanzarmos na transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz esixe mudanzas individuais, pero tamén política cidadá, acción colectiva nonviolenta de presión a empresas e gobernos. Cumpren mudanzas nas políticas.
O peso que o Estado (a administración, o ensino, a xustiza…), os medios de comunicación (públicos e privados) e o mercado teñen nas nosas vidas fai que as políticas públicas sexan decisivas á hora de promover que unha lingua goce de boa saúde ou esmoreza até desaparecer ou ficar reducida a un uso privado ou ritual. Nos últimos tempos vénse multiplicando a presenza mediática de posturas que alarman sobre unha suposta ameaza á lingua española en Galiza e rexeitan as (tímidas) políticas normalizadoras do uso da lingua galega na terra na que nasceu. Estas posturas teñen agora un claro apoio no goberno galego, pese a non ter base nengunha na realidade.
A asociación ecopacifista Verdegaia chama á cidadanía galega a defender a diversidade cultural e a convivencia en paz entre pobos e culturas, e por isto mesmo tamén a anima a utilizar o galego con normalidade, día a día, e a se mobilizar de forma nonviolenta esixindo unhas políticas públicas decididas de promoción e defensa do uso da lingua galega.
O goberno galego non debería estar a perder o tempo con supostas imposicións do galego e ameazas ao español en Galiza, debería estar a centrar a súa atención e esforzos en emerxencias como a crise ecolóxica global que alimentamos e padecemos.
Domingo 17 de Maio, Día das Letras, acode ás manifestacións convocadas pola Mesa pola Normalización Lingüística e Galego Sempre Mais!