Se hai algo que ten un valor imprescindíbel para unha sociedade é a súa capacidade de construír colectivamente o seu futuro a través de iniciativas accesíbeis, universais, solidarias e transversais. A sanidade, a atención social, a educación ou a cultura son piares básicos dese espazo colectivo. Mais coa escusa da “crise” asistimos e padecemos unha ofensiva devastadora co obxectivo de furtar esa construción colectiva froito de loitas, sacrificios e desvelos das xeracións pasadas para dilapidala en mans privadas. Ofensiva que vai medrando en intensidade e que vai deixando graves danos colaterais no seu proceso de desmantelamento do público.

A educación é paradigmática nese proceso. Nos últimos 3 anos o descenso do profesorado foi espectacular. O goberno de Feijoo recortou 257 millóns de euros ao respectos do último orzamento do bipartito[i] traducidos en eliminación de centros, redución de profesorado (preto de 800 prazas no 2011) e orzamentos para o funcionamento ordinario dos centros, eliminación dos libros de texto gratuítos, masificación nas aulas, redución alarmante da presenza da educación ambiental e recortes cando non eliminación nas prazas de persoal especializado para o alumnado con  necesidades específicas de apoio educativo (curiosamente en agosto publicáronse no DOG axudas por valor de de 220.000 € a centros privados para contratar persoal de apoio, a maiores dos cartos xa asignados no concerto) [ii]. Imos deternos no asunto da Educación Ambiental: na lexislación que regula o currículo para o ensino obrigatorio, especifícase que a Educación en Valores será tratada de maneira transversal, é dicir, que terá presenza continua en tódolos momentos e espazos do centro educativo, pois son asuntos de especial sensibilidade e importancia. Porén, a realidade é que, tanto dende a poboación desinformada como dende a propia Consellería de Educación, estase dando a impresión de que todo iso non posúe realmente importancia e que os docentes deben centrarse en contidos de conceptos matemáticos e lingüísticos; emporiso estamos ante unha administración que somentes respecta a lexislación cando lle convén.

A maiores asistimos estupefactos a unha campaña orquestrada de desprestixio do profesorado, con flagrantes mentiras e demagoxia barata, indignas de alguén que ostente cargos públicos desa relevancia. Profesorado que na inmensa maioría desenvolve o seu traballo nunhas condicións ben precarias, suplindo con entrega a estulticia do Conselleiro do ramo, É case de humor negro que recentemente se aprobara unha Lei de convivencia que, segundo a propaganda oficial, pretende dignificar a figura dos mestres e mestras cando ao mesmo tempo estanse creando conflitos (lingua, relixión) e empeorando a situación profesional do ensino, por exemplo,co a actual supresión de horario para coordinacións. En definitiva, a administración semella ter a teima de crear un currículo oculto máis forte que impida ao ensino público cumprir os obxectivos do oficial, e propiciando unha imaxe de suposta hexemonía educativa do ensino lucrativo.

 Por todas estas razóns, Verdegaia apoia as mobilizacións que o profesorado dos centros públicos de Galiza teñen convocados para este curso

Porque entendemos que o ensino público é un garante da cohesión social e debe ser universal no acceso, coidadoso coas diferenzas, integrador, participativo, radicalmente democrático, ben dotado en materiais e persoal, inserido na súa contorna cultural e ambiental pero tamén cunha ollada global,  e cun programa educativo que reflicta a realidade e forneza as ferramentas para formar unha cidadanía crítica, solidaria, aberta e activa.



[i] http://www.psdeg-psoe.com/2011/08/31/meijon-denuncia-que-a-xunta-prioriza-e-fortalece-os-centros-de-ensino-concertados-en-detrimento-dos-publicos/

[ii] http://www.cig-ensino.com/novas/7-9-2011/a-cig-ensino-denuncia-que-a-consellar-a-de-educaci-n-incrementa-con-unha-extra-de-220