aparcadoiro_actual.jpgVerdegaia esixe ao Concello de Ferrol que responda por escrito á alegación presentada no mes de Xullo ao Estudo de Viabilidade sobre a concesión de obra pública para a construción e explotación dun aparcadoiro soterrado na Praza de Armas, publicado no BOP, xa que ata a data os responsables municipais só informaron a través dos medios de comunicación. Dende Verdegaia, reivindicamos a máxima proteción e salvagarda do barrio histórico da Magdalena como un espazo único, singular e irrepetible, polo que poñemos en cuestión a necesidade e conveniencia do citado aparcadoiro soterrado, tal e como fixemos constar na alegación presentada.

O actual Goberno Municipal presentou ao Pleno do Concello de Ferrol, este pasado día 6 de Xullo do 2009, un Estudo de Viabilidade para a construción dun aparcadoiro na Praza de Armas, Praza do Concello, sendo aprobado polo PSOE e BNG, coa abstención do resto dos grupos políticos. Pensamos que esta decisión entra en clara contradición cos compromisos socio -políticos alcanzados e acordados na Axenda21 Local rompendo así o grande pacto social nas políticas de rehabilitación e peonalización do casco histórico da Magdalena. Por tanto a decisión de seguir adiante coa construción dun aparcamento para máis de 200 prazas na Praza do Concello- Praza de Armas, terá consecuencias negativas e imprevisibles para o patrimonio arquitectónico e monumental do casco histórico da Magdalena.

Facendo un pouco de memoria, temos que remontarnos aos anos 2003 e 2004 cando convidaron ao todo o tecido socio- cultural de Ferrol a participar na elaboración das distintas mesas da Axenda21 Local na antiga capela do Torrente Ballester e con posterioridade no IES Concepción Arenal, onde un cento de representantes das distintas entidades sociais comezamos a debater e analizar e configurando as distintas mesas sectoriais e monográficas de caracter económico, social, medioambiental, patrimonial..etc, no marco da sustentabilidade e aplicación da Axenda21 Local. As conclusións destas reunións foron moi claras respecto a políticas sociais, económicas, patrimoniais, medioambientais,..etc, baixo o convencemento e necesidade de avaliar as novas políticas municipais para a rehabilitación do barrio da Magdalena. Estas novas iniciativas consistían na aplicación de medidas políticas reparadoras e protectoras co patrimonio arquitectónico e monumental co fin de preservar o casco histórico da Magdalena. Temos que entender que a accesibilidade e mobilidade do trafico rodado privado aos Centro Históricos necesitan de políticas correctoras co fin de evitar o deterioro e degradación deste Patrimonio Arquitectónico e Histórico. A aplicación de políticas alternativas as declaradas zonas peonís, consisten en facilitar aparcadoiros nas marxes ou arredores do casco histórico, que están localizados nos da Praza de España e no Cantón.

Na nosa Cidade de Ferrol estableceuse como vía de entrada a Rúa do Sol, así como, de saída, a Rúa da Igrexa -Rochel, permitindo continuar co tráfico rodado as rúas de baixada desde Canido. O resto das rúas do Barrio da Magdalena estanse declarando como peonís, para o cal a Xunta de Galicia aportaría 2 millóns de € por ano. Está claro que as iniciativas para declarar zonas peonís deben de aplicar medidas políticas correctoras para tratar de suprimir todo o posible as prazas privadas de aparcadoiro das rúas do casco histórico con medidas fiscais, incentivadas ou subvencionadas co fin de desviar estas prazas aos aparcamento públicos.

Temos a experiencia da Rúa Dolores, sendo no seu día un motivo de discusión e preocupación por parte dos comerciantes do lugar, cando comezaron as obras destinadas a realizar unha rúa peonil. Hoxe representa xa unha realidade e exemplo de zona peonil que, ademais impulsa e favorece a actividade comercial desta zona polo que sería impensable abrir esta rúa ao tráfico privado.

Esta realidade xa está demandada por outros comerciantes do Barrio da Magdalena que comprenderon o verdadeiro significado das rúas peonís. Tratamos de explicar que a construción dun aparcamento para vehículos privados en pleno Centro Histórico da Magdalena atraería aínda máis o tráfico rodado privado, lonxe da crenza de que con esta medida daría resposta aos coches, e dicir, pensamos que se ofertamos 200 aparcamentos máis dentro do Casco Histórico da Magdalena, sen outro tipo de medidas como a mellora do transporte público, o resultado final sería unha interminable invasión do tráfico privado de degradantes consecuencias para noso histórico barrio.

Hai uns meses pagouse o rescate de 2,4 millóns e Euros das arcas públicas municipais á concesión comercial e aparcamento da Praza de Armas, cando quedaban poucos anos para a conclusión da cesión, parecendo mais ben unha operación comercial de interese privada que unha xestión de caracter xeral pública. Pretendemos impulsar unhas políticas sustentables, vangardistas e de futuro, contempladas na Axenda21Local, respectuosas co medio ambiente, que preserven os seus patrimonios naturais, monumentais, arquitectónicos e históricos. Por iso, imos a seguir denunciando as políticas populistas e innecesarias que atenten contra o noso patrimonio e benestar da cidadanía.