Xustiza climática para sair de todas as crises! é o lema escollido polas organizacións do Movemento Galego polo Clima para realizar accións ao redor do 25 de setembro, data escollida a nivel internacional para loitar contra a emerxencia climática.

O cambio climático é a principal crise á que nos enfrentamos a nivel planetario como especie, xa que os efectos producidos polos Gases de efecto invernadoiro (GEI) afectan ao ambiente e deriva en situación de crises sociais e humanitarias ás que cada vez, se non revertemos a situación, será máis difícil facerlle frente.

Moitos dos problemas que obrigan ao éxodo de millóns de persoas en todo o mundo, crises sanitarias como a actual provocada pola Covid-19, a extinción masiva de especies e as crises económicas teñen, con moita probabilidade, a súa orixe na emisión de GEI producidos pola acción humana e que modifican o clima provocando, extinción de especies e dos seus hábitats, situacións extremas como furacáns e ciclóns máis virulentos, secas máis extremas, maiores incendios, vagas de frio e calor extremo, derretemento das masas de xelo e subida do nivel do mar.

O cambio climático está actuando e cada vez seranos máis difícil contrarrestar todos os fenómenos asociados ao aquecemento global. Sen embargo desde o movimento ecoloxista achamos que, se actuamos a tempo con políticas de decrecemento e desvinculando o benestar do PIB, aínda hai posibilidades de que podamos parar o incremento global da temperatura en máis de 1,5ºC tal e como sinalan os científicos do IPCC. Os próximos anos serán cruciais pero estamos a tempo de que as consecuencias do cambio climático non sexan tan devastadoras para os humanos e o resto das especies que habitamos o planeta Terra.

O lema escollido este ano quere facer fincapé nas posibilidades de buscar solucións para sair das diferentes crises dunha maneira social e ambientalmente xustas. A crise sanitaria provocada pola Covid-19, a perda de empregos asociados a empresas emisoras de GEI e electrointensivas como as términas de Meira e das Pontes, Alcoa, a industria do automóbil, as extractivistas e as relacionadas coa contrución de grandes infraestruturas.

Desde o movimento ecoloxista apostamos por máis investimento económico e o apoio aos sectores dos coidados, a saúde e a educación, que consideramos os imprescindibles para unha sociedade sá que valore a vida frente á riqueza. Por outro lado, a nivel de emprego apostamos por apoiar e desenvolver aqueles sectores relacionados coa produción de alimentos a pequena escala, local e ecolóxicos, a gandeiría extensiva, e ao consumo de produtos locais. Tamén apoiamos o incremento de superficie forestal de bosques de especies autóctonas e defendemos os traballos silvícolas que protexan o monte durante todo o ano que prioricen a limpeza e coidado dos montes frente aos gastos derivados de apagar os incendios. E por último apostamos polo desenvolvemento dos sectores ligados ás enerxías verdes a pequena escala e en mans da sociedade e ao apoio ao transporte público.

Actos preparados polas distintas organizacións do Movemento Galego polo Clima entre o 21 de setembro e o 4 de outubro.

Verdegaia organiza, coa participación de Nais polo Clima, a presentación do Libro do Clima publicado por Catro Ventos editora que se realizará o xoves 24 de setembro ás 20h. por streaming.

Actividades 25 Setembro do Movemento Galego polo Clima