ENCE - fumeO Goberno do PP vén de conceder unha prórroga de 60 anos á empresa ENCE na Ría de Pontevedra, permitíndolle permanecer en Lourizán, en terreos de dominio público, ata o ano 2073. E faino estando en funcións e cun Presidente desaparecido e derrotado, que sabe que non vai revalidar o seu goberno. Trátase dunha decisión política, e mesmo faise incumprindo o Regulamento Xeral de Costas, que impide a prórroga dunha concesión mentres estea aberto un expediente de caducidade, caso no que se atopa a empresa pasteira. Máis unha vez, o PP defende os intereses particulares, os seus intereses e os dos seus amigos, fronte ao interese xeral, socialmente máis xusto e máis rendíbel desde o punto de vista económico e ambiental.

Esta prórroga de 60 anos a ENCE impedirá definitivamente a recuperación da Ría, das nosas praias, da calidade de vida e da economía da comarca, que ten que vir da man da explotación racional dos recursos naturais (nomeadamente, pesca, marisqueo e sector forestal) e do turismo, unha economía sustentábel no tempo e incompatíbel coa presenza do complexo ENCE-ELNOSA na Ría. Por iso temos que conseguir que esta decisión, que non é firme, poida ser revogada; e témolo que facer tanto pola vía administrativa e xudicial, como pola da mobilización social. Temos que esixir do novo goberno no Estado, que impida que esta nova aldraxe á nosa Ría, á nosa calidade de vida e á nosa economía vaia adiante.

Non podemos esquecer que esta empresa foi condenada por delito ecolóxico continuado no ano 2002; que, como daquela, sigue incumprindo a lexislación ambiental e que leva 50 anos destruíndo o medio ambiente, os recursos naturais, a calidade de vida e a economía da comarca. Porque temos a razón, por dignidade, e porque está en xogo o futuro da Ría e o das xeracións vindeiras, hoxe máis que nunca IMPIDAMOS A PRÓRROGA A ENCE NA RÍA DE PONTEVEDRA!

https://www.change.org/p/xunta-da-galiza-impidamos-a-pr%C3%B3rroga-de-ence-en-louriz%C3%A1n