Verdegaia fai parte da coordinadora “Eólica, así non” desde a súa constitución. Neste tempo téñense realizado diversos actos de protesta contra a vaga de grandes proxectos eólicos que se ten despregado tanto dende a administración galega como a estatal, sen que exista un criterio claro na súa ordenación, uns procedementos transparentes e participativos nos trámites, ou o mínimo respecto aos valores ambientais, socioeconómicos e culturais das zonas onde se asentan. Porén, a maiores da protesta, nun tema tan complexo como este é preciso a reflexión, a formación, o debate… Por iso impúlsase a realización dunhas xornadas sobre o marco enerxético e o papel da eólica no contexto presente e futuro, que terán lugar os días 4 e 5 de febreiro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
“As xornadas pretenden ser un encontro de toda a sociedade galega no que tecer un modelo enerxético alternativo ao espolio e especulación que rexe o actual modelo das macro-eléctricas, por terra e por mar, en conivencia coas administracións públicas. Este espazo de reflexión colectiva afondará nos principios fundamentais nos que a coordinadora Eólica Así Non asenta a súa proposta alternativa dunha “enerxía xusta e sustentábel, por e para o pobo”, que foron recollidos no Manifesto “Temos Alternativa” feito público o pasado 5 de xuño, polo Día Internacional do Medio Ambiente. (…)
As xornadas “Temos Alternativa” pretenden ser ademais un foro de formación ou capacitación da veciñanza e comunidades afectadas no uso de ferramentas xurídico-legais fronte a unha invasión eólica que nas últimas semanas se viu acelerada por mor das normativas de simplificación administrativa impulsadas polos gobernos galego e estatal. O programa do encontro ofrece unha proposta de contidos moi completa para a primeira fin de semana de febreiro, que se concreta en 8 mesas redondas e unhas 30 persoas relatoras recoñecidas no seu ámbito. Entre as persoas poñentes, atoparemos especialistas na análise do sector enerxético e do reto climático, docentes das universidades galegas en materia de economía aplicada, urbanismo, paisaxe e de dereito administrativo, membros de comunidades científicas e de centros de investigación expertos en transición ecolóxica, e voceiras de organizacións ecoloxistas, sindicais, comunidades de montes e das principais plataformas de colectivos afectados en Galiza que traballan na procura dun modelo enerxético alternativo ao imposto. Tamén se incorporan ao programa voces doutros territorios que darán unha perspectiva máis global á problemática, así como científicos recoñecidos no eido da investigación sobre os límites do crecemento.”
Para acudir é precisa a inscrición a través do seguinte formulario, ou chamando por teléfono ao número 981570099 (Adega), en horario de mañá. Pódese participar os dous días ou facelo de forma parcial.
Recorda que o día límite para facer a inscrición se queres quedar ás comidas é o luns 30 de xaneiro.
Anímate a participar!! Vémonos en Pontevedra.
Inscrición: https://forms.gle/e95SFUZfM7zqi1oU7
Programa: