Os días 4, 11, 18 e 25 de abril, celebraránse no Salón de Actos do Vicerreitorado da Universidade de Coruña, no campus de Esteiro, en Ferrol, as Xornadas sobre Agrocombustíbeis. As inscripcións son na Sede da SGHN: R/Mendez núñez, 11 e no correo-e sgnhferrol@verdegaia.org. As xornadas están organizadas por: A Xoaniña, Adega, SGHN e Verdegaia e patrocinadas polas consellerías de Medio Rural e Innovación e Industria. Ademáis, darán dereito a un crédito de libre configuración.
A actual situación de crise enerxética e ambiental obriga a unha reestruturación de todo o sistema económico e, por tanto, político e social, tomándose para iso medidas como a substitución de enerxías baseadas en combustibeis fósiles por enerxías renovabeis que, en principio, semellan aceptabeis, pero que, se non se levan adiante análises serias sobre as súas repercusións, poden acarrexar consecuencias imprevisibeis, e ás veces fatais para o futuro da humanidade.
Aínda que a crise fora xa anunciada por persoas do ámbito científico e ambientalista dende hai mais de dúas décadas, non se tomaron as medidas precisas e no momento actual os problemas acadan unha envergadura desmesurada e afectan a moi diversos ámbitos: escaseza e carestía de combustibeis, contaminación, quentamento global, seguridade alimentaria, desaparición de acuíferos, que nalgúns casos abastecen importantísimas zonas de produción cerealística, etc.
Neste contexto córrese o perigo de tomar medidas precipitadas sen analizar todas as posíbeis consecuencias que orixinarían. Por outra banda, existe o risco da aparición de certos "lobbys", asociados a grupos empresariais, coa única finalidade de sacar beneficios económicos desta situación, sen considerar os impactos negativos das súas operacións.
A Mesa "Agrocombustibeis a debate" formouse hai xa máis de tres meses en Ferrol co obxectivo de analizar esta problemática, utilizando como método o estudo con base bibliográfica, o debate e a toma de posturas consensuadas, co obxectivo de proporcionar información á cidadanía e denunciar aqueles casos nos que se infrinxa dano ao medio ambiente ou á seguridade alimentaria das persoas.
Co mesmo obxectivo educativo e divulgativo vímonos na necesidade de abrirnos a novos colectivos, promovendo o debate social por medio dunhas xornadas de formación impartidas por persoas cualificadas e cun profundo coñecemento das cuestións que o problema plantexa: seguridade e soberanía alimentaria, danos medioambientais, balance final dende o punto de vista enerxético do emprego de agrocombustibeis, posibilidades produtivas para Galiza, mantemento e agudización das desigualdades nos intercambios comerciais entre países, etc.
Descarga o cartaz: