Organizan: Adega, SGHN, Verdegaia e a asociación de vecinos “El Pilar”.Mes. red. san. ría Ferrol

 

O pasado mércores tivo lugar a primeira das xornadas, coa participación de Chema Hernández, da comisión de Medio Ambiente da A.VV. “El Pilar” e de Manuel Cao, patrón maior da Confraría de mariscadores da Ría do Burgo.

 

O primeiro dos relatores, falou durante media hora sobre a historia do movemento veciñal en contra da situación dun tanque de tormentas no parque Pablo Iglesias, das mobilizacións, das accións levadas a cabo ata o momento e as que virán no futuro.

 

 Chema é veciño das vivendas coñecidas en Ferrol como “El gusano” (pola forma da urbanización) e está levando adiante un traballo intenso que incluso lle está supoñendo a inimizade dalgúns/has veciños/as menos sensibilizados co asunto.

 

Respecto a Manuel Cao, falou sobre a historia do saneamento da Ría do Burgo (1.200.000 m2 de superficie), e da loita dos mariscadores por ter unha ría limpa máis aló de proxectos faraónicos e tragacartos, tendo que lidiar con alcaldes, conselleiros, policía, etc.

 

Manuel Cao dixo que a confraría que el preside chegou a ter máis de 4000 traballadores, chegando a ter na actualidade menos de 200. Igualmente foi “agasallada” cunha multa de 17.500 € polos cortes de estradas que tiveron lugar naquelas mobilizacións, cartos que tiveron que poñer entre todos/as.

 

Entre outras aberracións, contou que os aliviadeiros do sistema de depuración estaban situados inicialmente por riba da cota dos tanques de tormenta. Dixo tamén que, na súa opinión, os tanques de tormenta non son necesarios no caso da Ría do Burgo e que os problemas se atallarían coa instalación de máis bombeos (5 en lugar dos 3 existentes).