Verdegaia súmase á campaña internacional 25 anos – 25 xornadas de acción coa proxección dun documental e a celebración dunha mesa redonda os vindeiros 26 e 27 de abril, ás 19:30 no salón de actos da biblioteca municipal Ánxel Casal (Xoán XXIII, Santiago de Compostela).
Coa proxección do documental Até a eternidade (Michael Madsen, 2010) e unha mesa redonda coa participación de Xosé Veiras, Xoán Doldán, Pencha Santasmarinas e Enrique Álvarez, Verdegaia fai súa a campaña internacional 25 anos – 25 xornadas de acción co obxectivo de fomentar a reflexión pública respecto do pasado, o presente e o futuro da enerxía nuclear e do noso modelo enerxético, co gallo do vintecinco aniversario do desastre de Chernóbil. Os actos terán lugar a partir das 19:30 no salón de actos da biblioteca municipal Ánxel Casal (Xoán XXIII, Santiago de Compostela).
A enerxía nuclear supón riscos inasumíbeis e desastres que, coma o de Chernóbil ou o das centrais nucleares xaponesas afectadas polo maremoto do pasado 11 de marzo, tiveron, teñen e continuarán a ter gravísimas consecuencias para o medio ambiente e a vida no planeta. Vedegaia desexa lembrar, ademáis, que esa historia ten a súa contraparte galega no frustrado proxecto de construcción dunha central nuclear no lugar de Regodela, no concello de Xove, e nos vertidos de residuos nucleares na Fosa Atlántica, a escasas millas náuticas das costas galegas.
Con estes actos, Verdegaia pretende contribuír a que a cidadanía teña datos para a reflexión, non só respecto dos graves sucesos acontecidos en Chernóbil, nas centrais nucleares xaponesas ou noutros lugares, senón tamén respecto das insuficiencias e riscos do uso da enerxía nucler e mais do panorama enerxético actual dende unha perspectiva galega.
A longametraxe documental Até a eternidade ofrece unha interesante reflexión sobre a industria nuclear e os seus residuos baseándose nun caso moi particular: o da construcción dun almacén permanente de residuos nucleares en Onkalo, Finlandia.
Na mesa redonda, Xosé Veiras, responsable de enerxía de Verdegaia, fará unha breve descrición do sistema enerxético galego, Xoán Doldán, profesor da USC e ex-director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), realizará unha breve avaliación do estado actual da enerxía nuclear, Pencha Santasmarinas relatará a súa experiencia como persoa destacada dos movementos veciñais que levaron ao rexeitamento da construcción da central nuclear de Xove-Regodela, e Enríque Álvarez contará a súa experiencia como tripulante do Xurelo, un dos barcos involucrados nas accións de denuncia e impedimento dos vertidos de residuos nucleares na Fosa Atlántica.