cartel-eucaliptizacion 1 rO vindeiro sábado 8 de novembro imos celebrar unhas Xornadas Ambientais baixo o lema “A Eucaliptización de Galicia e a Cornixa Cantábrica” no salón de actos do Ateneo Ferrolán a partir das 10 da maña. Nas mesmas participarán varios expertos de Galicia e outros puntos da Cornixa Cantábrica. Agardamos que conclúan ás oito da tarde cunha mesa redonda sobre Biodiversidade, Eucaliptización e Modelos Alternativos de Política Forestal. O programa das mesmas pódese descargar nesta ligazón.  

Por que estas xornadas?
 
Un problema de primeira magnitude está a afogar a biodiversidade de Galicia: a expansión descontrolada das plantacións de eucaliptos.
 
Non é un problema novo, nin en Galicia nin na cornixa cantábrica. Comezou a finais dos anos 50 do pasado século coa instalación de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra, e foi aumentando gradualmente ata convertir toda a franxa costeira de Galicia nun inmenso eucaliptal que arrasou a paisaxe, a cultura e a biodiversidade do rural.
 

Hoxe, grazas a novas variedades transxénicas de eucalipto, preparadas para resistir a xeada e as pragas que a propia planta trouxo consigo, a invasión esténdese cara o interior, chegando xa ás zonas máis emblemáticas de Galicia: a Terra Chá, a Serra do Xistral, Os Ancares, O Courel, etc.
 
Se continúan as políticas forestais actuais, dirixidas por Ence e apoiadas e defendidas polos diferentes governos da Xunta, Galicia corre o risco de acabar convertida nun inmenso eucaliptal, de norte a sur e de leste a oeste.
 
Nin sequera cabe pensar que as zonas “protexidas” (LIC, ZEPA, ZEPVN, parques naturais, etc) se salvarán desta destrución. O caso máis sangrante é o das Fragas do Eume, un parque natural que alberga no seu interior centos de hectáreas de eucalipto, aumentando a súa superficie ano tras ano a costa das fragas autóctonas. Pero existen outros exemplos:  as fragas do río Castro e do río Xuvia, as fragas do río Mandeo, do río Mera, a Serra do Xistral, etc. A lista sería interminable.
 
Verdegaia denunciou esta situación en moitas ocasións, mais as denuncias entran na Consellería de Medio Ambiente e non chegan a ningunha parte. Os infractores non son denunciados, ou no peor dos casos pagan unha sanción e continúan coa desfeita.
 
Por iso pensamos que as xornadas son unha nova maneira de enfrontar o problema, que pode máis produtiva que a simple denuncia.
 
Cal é o obxectivo das xornadas?
 
 Bosque de Eucaliptos por Javier T en FlickrAs xornadas nacen con varios obxectivos.
 
En primeiro lugar, sacar o asunto á luz pública, denuncialo e darlle a importancia que merece. Nos últimos tempos parecía que a ninguén lle preocupaba esta situación (nin sequera dentro dos colectivos ambientalistas), ou alomenos, non se vían iniciativas serias dirixidas a loitar contra ela dun xeito organizado. Pensamos que é importante que a nosa loita teña unha repercusión mediática e que se saiba que hai persoas preocupadas pola situación.
 
O segundo obxectivo era xuntar no mesmo lugar a persoas de diferentes colectivos que están traballando para frear o avance do eucalipto e fomentando outro tipo de cultivos forestais. Esperamos que a partir destas xornadas poida xurdir,alomenos, un xermolo de rede de traballo que permita o intercambio de informacións e experiencias, e que nos permita aunar esforzos e maximizar o seu rendemento.
 
En terceiro lugar, pretendemos reunir toda a información posible para elaborar un informe que poida servir de base para o traballo coas diferentes administracións ambientais, que son as responsables últimas desta situación e que teñen nas súas mans as posibles solucións ao problema.