masa_critica_vigo_3_3.jpgVigo tivo que esperar ao domingo para ter un acto digno da Semana Europea da Mobilidade que, impulsada pola Comisión Europea, se celebrou durante toda esta semana.

Entre 900 e 1000 bicicletas ocuparon as principais vías da cidade demostrando que a veciñanza de Vigo quere, ao igual que moitas outras cidades, gozar de espazos e infraestruturas que permitan a utilización da bicicleta a diario.

A marcha decorreu sen incidencias e demostrou como, a pesar da orografía, é posible desprazarse entre as principais áreas residenciais e o centro da cidade evitando pendentes de consideración, tal como demostra o feito de que a marcha estivera encabezada en todo momento por cativos de non máis de dez anos.

Trala chegada á praza da Independencia leuse o manifesto no que as asociacións organizadoras, A golpe de pedal e Verdegaia, fixeron públicas as medidas que consideran necesarias para a normalización do uso da bicicleta como medio de transporte nos desprazamentos urbanos. Peticións que son o resultado de escoitar, ao longo de varios anos, as inquedanzas e propostas dos ciclousuarios.

Esta idea de participación cidadá está, en moitas cidades, institucionalizada baixo a denominación de “Comisión da bicicleta”, comisión que existe en Vigo dende Abril de 2005 pero que non é convocada dende o 2006. Esta comisión non é máis do que un foro no que as autoridades escoitan as propostas dos ciclousuarios e en consecuencia establecen as liñas de traballo adecuadas para a promoción do medio máis respectuoso co medio natural e o medio social: a bicicleta.

As autoridades municipais deben entender que non poden seguir desincentivando o uso do medio de transporte menos contaminante, máis eficiente enerxeticamente e que ao contrario dos vehículos motorizados contribúe a crear unha cidade máis humana e harmoniosa.

 

 

masa_critica_vigo_3_4.jpg