Membros de Verdegaia miden dende xaneiro as partículas PM2,5 en tempo real mentres pedalean ou camiñan polas rúas de Vigo

Dende Xaneiro,  ConBici, coordinadora en defensa da bicicleta que reúne a máis de 70 asociacións ciclistas urbanas e da que forma parte Verdegaia, iniciou un proxecto pioneiro de ciencia cidadá para medir os niveis de  PM2,5 en tempo real mentres pedalean, en tramos habituais, por 14 cidades.

É así como as asociacións ciclistas están a coñecer o aire que respiramos ao pedalear cara aos nosos traballos, cando nos desprazamos para coidar, comprar ou por lecer polos barrios das nosas cidades. Queremos saber de que dependen os niveis contaminantes atmosféricos que respiramos e se os niveis alcanzados son prexudiciais para a nosa saúde. Para iso, utilizamos un medidor móbil que foi avaliado polo CSIC (Consello superior de Investigacións Científicas) como un medidor fiable e emite os resultados en aberto nunha aplicación, e que despois Conbici actualiza na súa web: www.cyclingwithcleanair.conbici.org

ConBici defende a bicicleta na mellora da calidade do aire e nas Zonas de Baixas Emisións. 

As persoas que camiñan e van en bicicleta non emiten contaminación e son, polo tanto, desprazamentos de 0 emisións que deben ser considerados como prioritarios nas ZBE. Estas zonas, ademais de restrinxir os desprazamentos en vehículos de motor de combustión,  deben garantir a promoción da mobilidade activa e segura a pé e en bicicleta e o transporte público de maneira prioritaria e decidida.  As asociacións ciclistas reclaman, xunto co resto das organizacións socias de CLEAN CITIES, medidas que garantan a ciclabilidade fácil e segura nas cidades. Só así se poderá acadar unha mellora da calidade do aire consistente e duradeira que protexa a saúde da poboación e evite o custo económico e social das enfermidades e mortalidade prematura que produce a contaminación atmosférica.

Vigo rexistra, en dúas ocasións, índices superiores aos recomendados pola OMS.

Durante as primeiras medicións en Vigo, o voluntariado de Verdegaia detectou valores medios de partículas PM2.5 superiores a 80µm en dúas ocasións, o cal supón multiplicar por 13 a cantidade máxima anual recomendada pola Organización Mundial da Saúde.

Verdegaia destaca o episodio de alta contaminación que se rexistrou o día 1/30/22 con valores por encima de 80µ m de forma sustentada.

Para a Coordinadora da área de Saúde de ConBici, a doutora Marian Sintes, resulta preocupante a calidade do aire en Vigo rexistrada nestas primeiras medicións, “aínda non rexistramos ningunha medición de PM2.5 en Vigo que cumpra o valor máximo anual recomendado pola OMS, e rexistráronse valores por encima de 80µ m o cal prexudica a saúde das persoas vulnerables”.

Dentro do proxecto Cycling with Clean Air, ConBici medirá a calidade do aire en 14 cidades de toda España durante 13 meses e está previsto solicitar información ao Concello de Vigo para examinar a súa Zona de Baixas Emisións e as medidas que expoña para a mellorar da calidade do aire, xunto con aquelas medidas destinadas a favorecer aqueles medios de mobilidade non contaminantes e saudables como é a bicicleta.

A OMS revisa os niveis de contaminación atmosférica para protexer a saúde

Recentemente, a Organización Mundial da Saúde revisou numerosas publicacións científicas sobre as consecuencias en saúde dos principais contaminantes atmosféricos. Existen evidencias robustas sobre o aumento do risco de doenzas respiratorias, como infeccións respiratorias e asma, cardiovasculares, como infartos cardíacos e cerebrais, e cancro de pulmón. Pero tamén as evidencias advirten sobre atrasos do crecemento e a maduración intrauterina, o maior impacto dos tóxicos ambientais na poboación vulnerable e infantil que pode comprometer no futuro a saúde da poboación. 

9 de cada 10 españois respirou un aire con niveis de contaminación superior

Analizando os datos que publicaron as administracións nas súas estacións de medición durante o 2020, estímase que a poboación española que respirou aire contaminado alcanza os 42 millóns de persoas, o 88 por cento da poboación. Isto tendo en conta que durante o período de pandemia da Covid, debido ás restricións na mobilidade e á diminución do tránsito rodado, produciuse unha mellora da calidade do aire en cidades e estradas do estado español.

A pé de rúa a concentración de contaminantes é máis elevada

Paralelamente, análises realizadas de maneira complementaria pola administración reforzan que perto do tránsito rodado a motor, a maior fonte de emisión de contaminantes atmosféricos, os niveis poderían ser máis altos que os recollidos polas estacións fixas de medición. Por tanto, a mala calidade do aire que respiramos é xa un grave problema de saúde pública que merece atención e solucións por parte das administracións e implicación por parte da cidadanía.

A implantación das zonas de baixas emisións nas cidades a partir de 2023

É por iso que a partir de 2023, a lei de cambio climático e transición enerxética que entrou en vigor en maio de 2021, esixe aos municipios españois de máis de 50.000 habitantes a implantación de Zonas de Baixas Emisións. As ZBE serán zonas delimitadas dentro das urbes onde se restrinxe o tráfico xa sexa en canto a circulación, acceso ou aparcamento, ou en base á clasificación ambiental, é dicir, discriminando pola etiqueta da DXT. E é aí onde as persoas que camiñan e van en bicicleta deben estar representadas con maior forza porque teñen unha etiqueta de 0 emisións nos seus desprazamentos.

Consulta os datos de calidade de Vigo no proxecto  Cycling  with  Clean  air.