• En 2011 Vigo foi a primeira cidade galega en asinar o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, mais non chegou a enviar o Plan de Acción nos dous anos seguintes, como esixía a sinatura.
  • O Pacto, lanzado en 2008 en Europa para reunir gobernos locais comprometidos en acadar os obxectivos climáticos e enerxéticos da UE, conta con 9.000 autoridades locais e rexionais en 57 países, 285 delas en Galicia

A plataforma ‘Vigo polo Clima’ denuncian o greenwashing practicado polo goberno vigués, que non é a primeira vez que asina compromisos relacionados coa sustentabilidade só con intencións publicitarias. Demandan o cumprimento íntegro e urxente dos compromisos adquiridos

Vigo polo Clima, plataforma que agrupa organizacións ecoloxistas e colectivos veciñais da cidade inseridas no Movemento Galego polo Clima, denuncia o lavado de cara verde co que o goberno municipal de Vigo leva anos enganando a cidadanía viguesa. 

A plataforma climática viguesa sinala que así como outras cidades e vilas galegas están a cumprir os seus compromisos co Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, ou aínda están en prazo para facelo, Vigo está suspendida da rede polo seu incumprimento flagrante. Así foi informada a plataforma tras unha consulta realizada coas persoas responsábeis da rede en Europa.

O Pacto das Alcaldías (Covenant of Mayors) nace a nivel europeo en 2008 como unha rede de cidades comprometidas coa emerxencia climática, co apoio entre outros da Comisión Europea. Posteriormente pasa a constituírse no Pacto global de Alcaldías polo Clima e a Enerxía. As cidades españolas adheridas lístanse na páxina Pacto de las Alcaldías, así como as galegas no Pacto das Alcaldías.

As alcaldías asinantes comprometéranse públicamente a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro no seu territorio, a aumentar a resiliencia e prepararse para os impactos adversos do cambio climático e a abordar a pobreza enerxética como unha acción chave para garantir unha transición xusta. 

Como asinante do pacto en 2011, a corporación municipal de Vigo tiña dous anos, até marzo de 2013, para definir de forma participada coa cidadanía e implantar un Plan de Acción Climática e Sustentabilidade Enerxética (SECAP). Máis de 11 anos despois da adhesión, e pasados 9 anos desde o vencemento do prazo para a implantación do SECAP, a corporación municipal non ten iniciado nin sequera os primeiros pasos do proceso. Tampouco ten reportado ningún dos documentos requiridos por Covenant Of Mayors. É por iso que a súa adhesión ao Pacto das Alcaldías está oficialmente suspendida no site eumayors.eu até que os compromisos sexan atendidos.

Desde Vigo polo Clima salientan que o goberno municipal non cumpriu con ningunha das obrigas que Vigo tiña até o 8 de marzo de 2013. Non hai unha estratexia cunha visión a longo prazo que inclúa obxectivos de mitigación e adaptación ao clima. Non se realizou un Inventario de Emisións de Base, cuantificando a enerxía consumida e emisións emitidas. Non se fixo unha Avaliación de Riscos e Vulnerabilidade Climáticas, identificando e avaliando os riscos climáticos e sectores vulnerábeis. Non hai ninguna actuación local emprendida en materia de mitigación, adaptación e pobreza enerxética e en consecuencia non hai Informes de seguimento da implantación de actuacións e da reducción das emisións. 

As organizacións que conforman Vigo polo Clima demandan públicamente o cumprimento estrito e inmediato dos compromisos adquiridos na carta de adhesión:

  • Establecemento de obxectivos de redución de GEI a medio e longo prazo, máis ambiciosos que o mínimo esixido pola Unión Europea: redución cando menos dun 55% en 2030 con respecto a 1990, e neutralidade climática en 2040.
  • A apertura dun proceso participativo coa cidadanía, empresas e gobernos a todos os niveis para implantar esta visión. 
  • Actuar agora para poñerse en marcha e acelerar a transición necesaria. 

Desde Vigo polo Clima denuncian que en plena emerxencia climática perdemos máis de once anos desde 2011 sen facer nada. “As accións nos sete anos que quedan até 2030 teñen que ser moi ambiciosas e aplicadas urxentemente para poder reducir polo menos o 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro da cidade”

Por último, Vigo polo Clima tamén denuncia que este xeito de actuar do Concello de Vigo non é un feito illado. En setembro de 2019 o Pleno Municipal tamén aprobou por unanimidade unha Declaración de Emerxencia Climática na que se establecía que o Concello adaptaría as súas normas para contribuír á redución da emisión de gases de efecto invernadoiro e deter a perda de biodiversidade, apostando por unha enerxía 100% renovábel poñendo en funcionamento as ferramentas necesarias, como frear novas infraestruturas fósiles e artellar políticas reais para unha mobilidade sustentábel. Nada disto se fixo dende entón. De novo Vigo foi o primeiro concello galego en aprobar unha declaración semellante e tamén o primeiro en imcumprila.

_________________

Vigo polo Clima está integrado polas organizacións ecoloxistas: Adega, Amigos da Terra, Verdegaia, Fridays for Future, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e polos colectivos veciñais  Bembrive en pé,  Defensa do parque García Picher e AVIBE de Beade