O venres 21 de abril saímos á rúa cunha nova bicicletada por mor do Día da Terra. A bicicletada sairá desde o Olivo do Paseo de Afonso XII ás 19:30h, e durará aproximadamente 1 hora, tempo durante o cal faremos un percorrido sinxelo polas principais rúas da cidade:

Paseo de Afonso XII > Pi y Margall > López Mora > Praza Independencia > Camelias > Venezuela > Brasil > Fernando O Católico > Urzáiz > República Arxentina > Praza de Compostela

A Bicicletada pola Terra é un evento lúdico e reivindicativo, onde queremos poñer o foco en  cuestións relevantes para formentar a mobilidade activa na cidade de Vigo. Entendemos que a mobilidade activa é unha das solucións ante o actual contexto de Cambio Climático, e que permitirá acadar o balance de emisión cero de gases de efecto invernadoiro.

A bicicleta coida de nós e da Terra

As vantaxes de usarmos a bicicleta na nosa mobilidade diaria son ben numerosas, xa que a bici é un medio de transporte ecolóxico, non contaminante, barato e rápido nos desprazamentos porta a porta, ademais de que é un medio bo para a saúde e para reducir os niveis de estrés. O seu uso tamén axuda a diminuír o tráfico e as emisións contaminantes, gañando espazo público roubado polo coche.

Fagamos entre todas unha cidade máis ecolóxica e ciclábel! Agardámoste o venres 21 para encher de bicicletas o centroi d cidade.