Coincidindo coa Semana europea da mobilidade, que este ano ten por lema “Desprázate de forma eficiente: mellora a túa mobilidade”, Verdegaia e A golpe de pedal convocan unha manifestación ciclista para o domingo 25 de Setembro con saída ás 11:00 dende o parque de Castrelos en Vigo.

Diversos estudios confirman que a bicicleta é o medio de transporte máis adecuadoco2.jpg nos desprazamentos urbanos. Individualmente permítenos realizar exercicio físico combatendo os males derivados dunha vida sedentaria, é o medio máis rápido na meirande parte dos desprazamentos e permítenos un significativo aforro ao ser o medio máis barato e eficiente enerxeticamente. Colectivamente o seu uso evita a contaminación acústica e atmosférica, reduce a dependencia das enerxías fósiles e evita a conxestión das vías públicas. En definitiva permite descubrir unha cidade a escala humana e fomenta as relacións sociais.

Pero a pesar de todas estas vantaxes e dos excelentes resultados que se verifican nas cidades que encaran a bicicleta como un medio de transporte máis integrándoas nos planos de mobilidade, o concello de Vigo segue desincentivando a súa utilización. É por isto que convocamos a manifestación ciclista “MÓVETE EN BICI SEN CO2” e esperamos contar coa túa participación, xa sexa coa bici para percorrer diversos bairros da cidade, ou coa túa presenza na praza da Independencia, onde remataremos ao redor das 13:00, para a lectura do manifesto.

Reivindicamos:

1. Revalorización social da bicicleta como medio de transporte e non exclusivamente para a práctica deportiva ou de lecer.

2. Discriminación positiva da bici respecto aos medios motorizados: ademais de presentar unha maior eficiencia enerxética, a bici non xera contaminación acústica nin atmosférica, o que contribúe a ter unha cidade máis limpa e agradábel.

3. Intermodalidade, coa creación de condicións que permitan o uso combinado da bici co transporte colectivo.

4. Pacificación do tráfico, mediante a progresiva redución da velocidade máxima en todo o casco urbano e un maior control do cumprimento das normas de circulación, de xeito que se garanta a seguridade dos cidadáns.

5. Convocatoria da Comisión da Bicicleta, constituída no pleno do concello do día 25 de Abril de 2005, que non se reúne dende o 2006, para xestionar tódolos temas que teñan que ver co uso da bicicleta na cidade, entre eles a creación dunha normativa municipal.

6. A elaboración dun Plan de mobilidade urbana e dentro deste a redacción e aprobación dun Plan Director da Bicicleta.

7. Promoción da bicicleta, desenvolvendo actividades lúdico-deportivas destinadas a estimular o seu uso dende a infancia e programas que incentiven os máis novos a ir en bici á escola utilizando itinerarios que garantan a súa seguridade vial.

8. O deseño dunha rede de infraestruturas que garanta a seguridade vial d@s usuari@s da bicicleta e facilite a integración das persoas con mobilidade reducida na mobilidade urbana.