Baner Evento 18 abril

“As persoas e o Planeta antes que o Capital!” será o lema que vai encabezar este sábado 18 de abril a mobilización central na Galiza contra o TTIP, que terá por escenario a cidade de Vigo.

A campaña Non ao TTIP integrada por ADEGA, A Cova dos Ratos, ACOUGA, ANOVA Vigo-Mos, Asemblea de Movementos Sociais de Vigo, BNG, CIG, ContraMINAcción, Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres, Democracia Real Xa-Vigo, DesPensa, Entremos na Panificadora, ECOAR))), EQUO Galiza, Esquerda Unida, Horta Comunal de Donas, Moeda Social Val Miñor, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Podemos Vigo, RSP-Vigo, TANKOllectif e Verdegaia, convocan a toda a cidadanía e organizacións a mobilizarse o vindeiro 18 de Abril. Vigo sumarase aos millóns de voces que sairán ás rúas en decenas de países de catro continentes no Día de Acción Global Contra os Tratados de Libre Comercio e Investimentos baixo o lema “As persoas e o Planeta antes que o Capital!”.

A manifestación de Vigo é unha máis entre as moreas de accións que de xeito descentralizado terán lugar nesa xornada a unha e outra beira do Atlántico. O común denominador é o rexeitamento aos Tratados de Libre Comercio e Inversións, negociados e impulsados de xeito opaco e baixo segredo por empresas transnacionais e gobernos, sen contar coa cidadanía sobre a que van ter efecto e por enriba dos dereitos das persoas, comunidades e medio ambiente.

O TTIP vai na liña de acentuar as dinámicas máis duras propias do modelo capitalista actual, pois o obxectivo é eliminar para o comercio internacional os límites que impoñen as diferentes lexislacións, as medidas protectoras de dereitos e a propia diversidade das sociedades.
En Vigo a saída efectuarase ás 20:00 dende o farol do cruzamento das rúas Urzáiz e Colón,, descenderá por esta última, pasará por Policarpo Sanz e rematará na Porta do Sol coa lectura dun manifesto.

Podes atopar máis información no espazo en internet da Campaña Non ao TTIP:
http://noalttip.blogspot.com.es/