Hoxe compareceron no Concello de Ourense todas as partes implicadas nun novo vertido perigosísimo no río Miño do que aínda falta por aclarar case todo, para non variar. ADIF unha vez máis é un foco de contaminación para un río que non somente por esa categoría debe ir en condicións impolutas, senón que porque dá abastecemento a máis dunha cidade enteira. 

O máis grave de todo para a asociación Verdegaia é a forma en que se trata o tema, xa que todo o mundo parece querer sacarlle importancia ó feito de que arredor de 50.000 litros de gasóleo estean na depuradora da cidade e que haxa irisacións xa no río.

Quizais a declaración máis sorprendente é a de Manuel Gutiérrez, comisario de augas da Confederación Hidrográfica do Norte que di “que os restos de gasóleo que chegan ó río fano "en proporciones bastante diluidas" e que non causan afección ó medio. A Verdegaia non lle parece aceptable que un comisario de augas diga que un vertido, por pequeno que sexa, non provoca afección ó medio. Os vertidos son un problema habitual do río Miño, sobre todo no seu paso pola cidade de Ourense e arredores, non soamente de empresas como ADIF, senón tamén de casas, barrios, etc.

Outro problema é que hai moitos detalles que están sen aclarar: cando se produciu o vertido en realidade, quen o detectou, canto tempo pasou desde que se detectou e se alertou del, realmente volveron encher un tanque que tiña unha fuga…

Son demasiadas preguntas para un problema que vimos denunciando desde hai moito tempo e que ninguén parece querer solucionar dunha vez por todas.

Verdegaia cre que se debe solucionar o problema inmediatamente en primeiro lugar, pero logo hai que investigar a fondo que ocorreu e aclarar cales son as persoas físicas ou xurídicas responsables, sexan quen sexan e teñan o cargo que teñan. Por suposto, todo isto debe ser tratado con total transparencia e información á cidadanía.

Ademais hai que salientar, unha vez máis, que este tipo de problemas débense na maioría dos casos á falla de planificación á hora de ubicar determinadas infraestructuras ou servizos, e por suposto a unha ausencia total de control e monitorización dos estado dos ríos que abastecen ás poboacións da contorna, como neste caso é a cidade de Ourense, e que polo tanto debe cumprir as máximas garantías para o seu consumo.