Os colectivos ecoloxistas representados na Xunta Consultiva do Parque Natural Fragas do Eume (Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural) queremos amosar a nosa oposición ao comezo das tallas nos terreos afectados polo incendio a partir do próximo mes de xuño. Resulta precipitado iniciar este tipo de actuacións cando os técnicos de Lourizán recoñecen necesitar máis tempo para facer unha valoración definitiva dos danos ocasionados na vexetación. A isto súmase a falta de concreción no referido a cales serían os criterios técnicos para realizar estas tallas, a futura repoboación dos terreos e a indefinición en canto ao orzamento necesario. De realizárense sen respetar o ciclo vexetativo e coas axeitadas medidas técnicas, as tallas poderían agravar as consecuencias do incendio.Read More
Xunta Consultiva do Parque Natural Fragas do Eume
Na reunión da Xunta Consultiva do Parque Natural Fragas do Eume celebrada o pasado 7 de maio, os técnicos do Centro Forestal de Lourizán informaron dos traballos de avaliación dos danos ocasionados polo incendio iniciado o 31 de marzo, e destacouse que debido ao período de repouso vexetativo da flora do Parque Natural, é necesario esperar ao desenvolvemento da vexetación para realizar unha valoración máis pormenorizada dos danos. É dicir, a Xunta de Galiza adianta a necesidade de extraer as árbores dos terreos incendiados nas zonas de repoboación, aínda que a día de hoxe se descoñeza o grao real de afectación das mesmas, e nunha fase en que se está a desenvolver a vexetación herbácea e o sotobosque.
Convén destacar que os terreos onde se realizarán as tallas caracterízanse por ser pendentes acusadas de ata o 35%, de difícil acceso e nos que habería que abrir vías de saca da madeira. Sen embargo, e a pesar do que isto supón de cara a extracción da madeira e da posibilidade de acelerar os procesos erosivos, a Xunta de Galiza non definiu as condicións técnicas e protocolos necesarios para realizar os traballos con garantías e sen danar o chan. Os propios responsables de Conservación da Natureza recoñecen non ter definido o orzamento preciso, non xa de cara ás repoboacións que afirman levarán adiante con árbores autóctonas, senón a curto prazo e tendo presente que as tallas serán autorizadas no vindeiro mes de xuño.
Tal e como amosaron na reunión da Xunta Consultiva, as persoas propietarias de terreos afectados polo incendio veñen padecendo as consecuencias do desinterese e falta de planificación dos diferentes gobernos autonómicos en relación ao Parque Natural. A demanda que fan para que se autoricen as tallas e vías de saca responde ao temor de ver mermado o valor da madeira no mercado. Sen embargo, a Xunta de Galiza non pode ser unha mera expendedora de autorizacións; debe realizar as tallas en colaboración cos propietarios no momento en que os especialistas determinen que non se vai afectar ao ciclo vexetal ni ao chan, e evitando que, en caso de deterioro da madeira, sexan as propietarias e propietarios as que se vexan prexudicados economicamente.
Neste momento, o escaso tempo transcorrido dende o incendio, xunto coa carencia dun plan de a xestión do incendio e a falta dun compromiso económico da Xunta de Galiza, faría das tallas unha ameaza para a recuperación das Fragas do Eume.