esteiro_do_minho.jpgO Núcleo Comarcal de Verdegaia en Vigo organiza o vindeiro domingo día 23 un roteiro polo Esteiro do Miño. A saída realizarase en autobús de liña ás 9:50 h. da estación de autobuses de Vigo, para comezar a camiñar sobre as 11:30 h. na parroquia de Salcidos (A Guarda). A volta a Vigo está estimada sobre as 20:00 h. 

O itinerario previsto é o seguinte: parroquia de Salcidos, observatorio de aves fronte á Illa Canosa, observatorio de aves no Forno do Duque, Estación ornitolóxica do Esteiro do Miño, praia de Camposancos. A volta consistirá en realizar o percorrido inverso.

O Esteiro do Miño é un lugar de extraordinaria beleza e un espazo natural incluído na Rede Natura 2000 como Z.E.P.A. (Zona de especial protección para as aves) amais de ser Z.E.P.V.N. (Zona de especial protección dos valores naturais). Entre os valores naturais máis salientables deste espazo están as comunidades de aves invernantes, moitas delas incluídas na Directiva 79/409/CEE de conservación das aves silvestres da UE, e un bo número de especies de animais silvestres incluídas na Directiva 92/43/CEE de conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres da UE.

O roteiro é aberto e gratuíto á cidadnía en xeral e contará coa presenza dun guía de excepción, perfecto coñecedor do Esteiro do Miño: Agustín Ferreira, presidente de ANABAM (Asociación Naturalista do Baixo Miño) que irá informando ás/ós asistentes dos diferentes valores e aspectos que se vaian observando ó longo da xornada. Cómpre levar comida, bebida e roupa e calzado axeitados.

O percorrido ate e dende o Esteiro do Miño realízase en transporte público colectivo para fomentar este tipo de transporte entre a cidadanía e para non contribuír ó avance do cambio climático.

Para máis información: Diego Rodríguez, Vicecoordenadorxeral de Verdegaia

(670 784 919).