Verdegaia vén de presentar alegacións a diferentes parques eólicos contemplados dentro do novo concurso eólico. Lamentablemente, comprobamos que se segue sen procurar unha protección do territorio e sen buscar unha ordenación do territorio en base á cal decidir cales son as mellores zonas de aproveitamento eólico, mais limitando claramente as especies e hábitats máis delicados dentro da nosa comunidade.
Nestas últimas dúas semanas, presentamos alegacións a catro parques eólicos: Cotofrío (O Irixo, Dozón e Piñor), Pico Seco (Lalín e O Irixo), Valdepereira (Lalín e O Irixo) e Rodicio-Peredo (Maceda e Montederramo). Pódese comprobar que tres deles ocupan zonas moi próximas, polo que non soamente habería afectacións individuais dese parque eólico, senón a acumulación dos tres máis outros parques eólicos xa existentes na zona.
O parque eólico Pico Seco, nos concellos de Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense) podería afectarlles ás concas dos ríos Viñao e Asneiros (un afluente do Asneiros xa podería estar afectado co parque eólico Cotofrío), 1 hábitats prioritarios (4020: Brezais húmidos atlánticos de zonas temperás de Erica ciliaris e de Erica tetralix), 33 especies de Especial Interese do Catálogo Nacional de Especies Amenazadas; 3 especies en perigo segundo as Categorías de Ameaza UICN, 2 especies case ameazadas das Categorías de Ameaza UICN, 3 especies vulnerables en diferentes publicacións (Categorías de Ameaza UICN, Catálogo Galego de Especies Ameazadas…) e 2 xacementos catalogados que quedarían a menos de 200 metros dos aeroxeneradores.
O parque eólico Valdepereira, nos concellos de Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense) podería afectarlles ás concas do río Asneiros e do Viñao (xa posiblemente afectadas polo parque eólico Pico Seco), 1 hábitat prioritario (4020: Brezais húmidos atlánticos de zonas temperás de Erica ciliaris e de Erica tetralix), 38 especies de Especial Interese segundo o Catálogo Nacional de Especies Amenazadas; 3 especies en perigo segundo as Categorías de Ameaza UICN, 2 especies case ameazadas segundo as Categorías de Ameaza UICN, 3 especies vulnerables segundo diferentes publicacións (Categorías de Ameaza UICN, Catálogo Galego de Especies Ameazadas..) e 1 mámoa catalogada.
Se a todas estes posibles impactos lles sumamos os habituais de calquera parque eólico (contaminación do aire, contaminación acústica, afectación á paisaxe, redución da flora, etc.), podemos comprobar que soamente estes tres parques eólicos, ós que lles temos que engadir o xa existente Penas Grandes pola mesma zona, non terían unha afectación individual (moi importante xa), senón unha acumulación de impacto moi grave nunha zona moi reducida.
O máis grave de todo é que de forma clara a Administración divide todos os pequenos proxectos de parques eólicos (12 aeroxeneradores, 5 aeroxeneradores e incluso… 3 aeroxeneradores), pero na práctica o que se instala finalmente son unha cantidade total moi superior nunha zona. En lugar de facer un Estudo de Impacto Ambiental sobre o total da afectación por este motivo, presentan os proxectos reducidos, de tal xeito que multiplican o traballo da cidadanía e dos colectivos ecoloxistas para alegar e non se fai un informe verdadeiro dos impactos.