Ría de Ferrol desde o Coto de Ancos.retocada por PepedoCouto en GalipediaConsideramos inaceptabel o sacrificio das escasas zonas verdes existentes na cidade para a ubicación deste tipo de instalacións; e lamentamos, por outra banda, que non se contemple a separación das augas pluviais das residuais no proceso de tratamento.

O núcleo comarcal de Verdegaia considera urxente e moi necesario a tan ansiada posta en funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ferrol, mais esta instalación non debería levarse a cabo a costa de sacrificar os escasos espazos verdes da cidade, como é o caso do Parque Pablo Iglesias, onde se pretende situar un tanque de tormentas.

No seu dia, as obras xa comezaron con moi mal pé ao usurparlle ao LIC Costa Ártabra unha importante superficie para construir a depuradora, destruíndose irreversibelmente hábitats naturais de interese comunitario, ademáis de xerar xunto co porto exterior un grande impacto paisaxístico na boca da ría.

As obras do tanque de tormentas van supoñer a afección de máis dun 10% da superficie do parque Pablo Iglesias, implicando a supresión do arboredo e afectando á zona de xogos infantís. Por esta razón Verdegaia solidarízase coa veciñanza afectada demandando que se estude outro lugar alternativo, fóra do parque, para instalar o devandito tanque de tormentas.

Por outra banda, o sistema de depuración plantexado é ambientalmente ineficiente por non contemplar a separación das augas pluviais das residuais (requerimento que esixe o proprio Plan Xeral de Ordeamento Municipal ferrolán) disparándose o consumo de enerxía pola elevada cantidade de metros cúbicos de augas residuais que hai que bombear. Asimesmo, o custe de mantemento das instalacións vai ser elevado, estimándose nuns dous millons de Euros anuais.

Semella que aos nosos gobernantes preocúpanlles máis as sancións económicas que a Unión Europea poda impoñer por non cumprir os prazos establecidos para a construción da EDAR que a eficiencia do sistema de saneamento ou o impacto social e ambiental das instalacións. Todavía estase a tempo, se se quere, de corrixir parte das deficiencias que presenta o proxecto; pois é preferibel que as obras se demoren un pouco máis (dado que xa estamos a feitos) a que as instalacións funcionen mal cando estas se poñan en funcionamento.