Verdegaia solicita que se paralicen de inmediato as actuacións de erradicación da vexetación que se están a levar a cabo e que se restuare o ecosistema fluvial do río Lagares
Débense levar a cabo melloras para reestablecer o equilibrio natural do río. Verdegaia vén de apresentar un escrito á Concellalía de Medio Ambiente do Concello de Vigo onde solicita que se paralicen de inmediato as actuacións de erradicación da vexetación que se están a levar a cabo na ribeira do río Lagares e nos seus afluíntes e que se recupere ambientalmente o ecosistema ribeireño deste curso fluvial.
A ribeira do río Lagares conta cunha comunidade biolóxica de relativo interese con especies vexetais e animais entre as que cabería salientar a presenza de aves nidificantes coma o lavanco (Anas platyrhynchos), ou a galiñola de río (Gallinula chloropus) ou plantas coma o lirio amarelo (Iris pseudacorus) ou a espadana (Typha latifolia), ó mesmo tempo que posúe unha chea de alteracións que afectan gravemente á súa conservación.
Lamentablemente, o Concello de Vigo está a erradicar a totalidade da vexetación de ribeira deste curso fluvial e dalgún dos seus afluíntes xerando un grave impacto ambiental ó deixar a estes cursos de auga coa ribeira total e gravemente alterada de xeito que ate se están a destruír niños de aves nidificantes neste ecosistema.
Por este motivo dende Verdegaia consideramos estas actuacións como inaceptables a parte de non atoparlles ningunha utilidade nin razón de ser e solicitamos que se paralicen e que se realice a recuperación ambiental do río Lagares e dos seus afluíntes dende o seu nacemento ate a súa desembocadura.
Para conquerir este fin solicitamos que se tomen as seguintes medidas:
A) Que se restaure o ecosistema fluvial do río Lagares e dos seus afluíntes dende o nacemento ate a desembocadura do río atendendo só a criterios ecolóxicos e de reestablecemento do equilibrio natural entre os diferentes compoñentes do ecosistema do río para que a fauna e a flora autóctonas podan voltar a habitar neste espazo natural e nunca atendendo a criterios doutra índole.
B) Que se faga unha limpeza exhaustiva dos R.S.U. existentes.
C) Que se retire do cauce do río Lagares o formigón e a louza existentes nalgúns dos seus treitos.
D) Que se detecten e paralicen tódalas actividades ilegais que se están a cometer: verquidos líquidos dende empresas e casas, limpezas de depósitos de empresas as fins de semán, verquidos de entullos,…
E) Que se libere a zona de servidume de paso para uso público que constitúe cinco metros a cada marxe do curso fluvial e que non se permitan máis ocupacións na zona de policía que abrangue os cen metros a cada lado do cauce.
F) Que se retire a flora e fauna exóticas que habitan no río e nos seus afluíntes.
G) Que se investigue a situación legal de verquido de todas e cada unha das empresas próximas ó río Lagares e ós seus afluíntes no tocante a cumpimento de ordenanzas, regulamentos e demais obrigas legais.
H) Que ó mesmo tempo que se investiga se inicie de inmediato un proceso sancionador ás empresas que se atopan en situación ilegal.