Perante os primeiros conatos de mala praxis no uso da propaganda, acabamos de solicitar por escrito aos principais partidos que se presentan ás eleccións municipais que fagan un uso da propaganda minimamente coherente co que afirman nos programas electorais1).
Os feitos que denunciamos na campaña electoral de Xullo de 20202) (eleccións á Xunta) sumados ao que xa estamos observando nesta precampaña, lévanos a prever que a meirande parte dos partidos volverá actuar dun modo displicente empapelando cada recuncho do país e a ‘esquecerse’ de retirar moita desa propaganda, que quedará abandonada ata que a chuvia despegue os carteis e o vento os leve ata algún regato.
No escrito solicitamos que cumpran con tres principios:
- que os partidos coloquen propaganda unicamente nos soporte especificamente adicados a ese fin
- que os partidos non distribúan masiva e indiscriminadamente propaganda nas caixas de correo, xa que a case totalidade desas cartas rematarán no contedor xenérico do lixo sen sequera abrirse
- que os partidos, rematado o proceso electoral, retiren a totalidade da propaganda colocada de modo a que non se disperse polo medio natural
No escrito tamén avisamos que pasados 15 días da fin da campaña electoral, denunciaremos perante a Xunta electoral e o concello correspondente o abandono de toda a propaganda en espazos públicos en base ao incumprimento de ordenanzas municipais.
Notas:
1) Extractos dos programas electorais de algúns partidos
PP: “gestionar los residuos generados por la actividad humana de forma correcta y conforme a la normativa vigente”
PSOE: “implantación de sistemas de economía circular que permitan reducir y valorar residuos y disminuir la cantidad destinada a vertederos”
BNG: “Realización de campañas masivas para a información de como debe de separarse en orixe os residuos sólidos urbanos e dos puntos onde se deben depositar outros residuos.”
PODEMOS: “Con esta estrategia y la aprobación de una ley de economía circular conseguiremos el objetivo de «residuos cero»”
2) Denuncia de Verdegaia polo abandono de propaganda electoral
https://www.verdegaia.org/wp/propaganda-electoral-abandonada/