aterro_1rsz.jpg No lugar do Cerquido, concello do Porriño, existe dende hai moitos anos unha explotación de arxila situada no espazo natural das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro malia que no ano 2004 foi desanexada da Rede Natura permanecendo como SRPEN no PXOM do Porriño.

Como resultado da actividade extractiva formáronse dúas barreiras que, tras o abandono da actividade, foron colonizadas por unha grande cantidade de flora e fauna do espazo protexido. Entre a fauna destacaba a presenza do sapoconcho (Emys orbicularis), especie en perigo de extinción segundo se recolle no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) e de Interese Comunitario segundo a Directiva 92/43 CEE o que obriga a designar Zonas de Especial Conservación e a fornecerlles unha protección estrita.

No ano 1998 unha das barreiras foi aterrada sen aviso previo e con materiais alleos á explotación o que provocou a morte de 13 dos 20 sapoconchos que moraban nela. Dende aquela até agora véñense facendo movementos esporádicos de terra, pensamos que co único fin de evitar a caducidade da concesión, entre outras cousas, para favorecer a reclasificación do SRPEN a Solo Industrial.

Na actualidade a Subdirección Xeral de Recursos Minerais está a solicitar do concesionario a extracción de áridos sen ter en conta os graves prexuízos ambientais que isto vai ocasionar: graves afeccións a flora e a fauna, mais non so:

  • Eliminaríase o talude de terra que separa visual e acusticamente o espazo protexido da autovía Porriño-Tui.

  • Neste talude aniña todas as primaveras e veráns a andoriña das barreiras (Riparia riparia), especie que ten neste lugar a única poboación estival do espazo protexido e unha das poucas da Galiza.

  • Baixo este talude vive a única poboación por nós coñecida da outrora abondosa planta carnívora chamada papamoscas ou rorella (Drosera rotundifolia). Calquera modificación do terreo provocaría a desaparición desta poboación.

  • Hai pouco foi visto na barreira un xuvenil de garza imperial (Ardea purpurea) especie catalogada de Interese Especial pola Directiva 79/409/CEE o que é mostra da potencialidade deste lugar.

  • A barreira e as zonas anexas son utilizadas polo sapoconcho (especie para a que se esixe un Plano de Recuperación dada a súa crítica situación a nível galego) a pesar das alteracións ilegais sufridas na contorna no ano 2004 (construción dun muro de pedra, alongamento dunha pista encol dos hábitats prioritarios da Turbeira do Cerquido e atoamento do rego que comunicaba a barrreira coa turbeira).

  • Na turbeira citada moran tres plantas en perigo de extinción a nível galego e rexistradas no Libro Vermello da Flora Vascular Ameazada de España.