Larus michaelis por Great grey owl  en FlickrVerdegaia vén de enviar por rexistro unha solicitude de información en relación á captura de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) realizada recentemente por cetreiros nas instalacións portuarias de Vigo e dirixida á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia e á Xefa Provincial do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra pertencente á Delegación de Pontevedra da citada Consellaría.

Á nosa asociación chegaron fotografías de cetreiros capturando e introducindo en vehículos varias gaivotas patiamarelas no porto vigués. Descoñecemos a existencia de autorización para estas capturas, así como o destino das aves capturadas e o obxecto de tales procedementos.

Dende Verdegaia solicitamos a información relativa ás posibles autorizacións que para captura de fauna salvaxe, como é a gaivota patiamarela, se teñan concedido durante o presente ano 2013 en Galicia. Tamén solicitamos a xustificación correspondente, precisa segundo a lei 9/2001 de Conservación da Natureza de Galicia.