autoestrada.jpg

Nas alegacións presentadas a pasada semana, Verdegaia esixe a retirada do Plan Director de Estradas e a elaboración dun Plano Galego de Transporte e Infraestruturas Sustentábel, que priorice a “creación de proximidade” e a redución da demanda de transporte (de forma integrada coa planificación territorial e urbanística), restrinxa fortemente o transporte privado (sobre todo nas comarcas urbanas), fomente a intermodalidade, e logre unha transferencia substancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos de transporte menos contaminantes (ferrocarril, autobús, bicicleta,…).

O Plano Director de estradas de Galicia (PDEG) erra radicalmente nas solucións propostas concepto, incluíndo mesmo afirmacións impropias dunha administración cunha mínima conciencia da problemática ambiental e das fondas consecuencias negativas que un sistema de transporte baseado no abuso do automóbil privado representa para o conxunto da cidadanía tanto no súa faciana social como ambiental. Así, óllase como positivo, moderno e síntoma de progreso a "aceleración da globalización da economía" e a "expansión territorial dos ámbitos de relación" o que, afondando no erro conceptual, serve para apoiar irresponsabelmente a "multiplicación e diversificación da mobilidade" evidentemente baseada no emprego masivo de vehículos a motor, fundamentalmente o automóbil.

O PDEG forma parte dunha planificación conxunta do territorio desenvolvida pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte. que tamén abrangue, segundo o documento, as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e o Plan de Integral de Transportes de Galicia (PITGAL).

Lamentabelmente unha vez máis, malia rimbombantes anuncios, o deseño de actuacións que supoñen un inxente volume de orzamentos públicos fanse sen unha mínima coordinación e sen ningún plano global que afronte a problemática da mobilidade en Galiza. As DOT están neste intre en fase de información pública, ao igual que o presente Plan, e do PITGAL, que semella representar o papel de plan director de transporte, non se sabe nada agás unhas declaracións da conselleira María Xosé Caride que cualificaban de "complexa" a súa elaboración.

Como se pode sequera pensar en desbaldir 16.000 millóns de € en infraestruturas por estrada sen ter definido previamente as necesidades actuais e futuras, e o máis importante, os medios e medidas precisos para atendelas?

O transporte non se pode entender como un feito illado senón como parte integral dunha concepción determinada do territorio e da sociedade nel inserida, concepción que ten que partir ineludiblemente das realidades actuais máis cun importante marxe de manobra para mudar as realidades futuras. A formulación do PDEG amosa claramente a carencia desta visión integral xa que define un triunvirato de plans do que o máis importante (as DOT) non está vixente e o segundo en importancia (o PITGAL) non está nin redactado. O presente PDEG é só un sub-plan destes dous máis polo que se ve, ten vida de seu.

Galiza está por enriba da media estatal en km de estradas tanto en relación á súa superficie como en relación á súa poboación. Non só iso, Galiza conta actualmente con 1000 km de vías de alta capacidade, segundo datos da propia Consellería de Política Territorial, dato que a sitúa, con 34 km/1000 km2 por encima da media europea que é de 15,9 km/1.000 km2 e ao mesmo nivel que Francia.

Entón, porque teimamos en aumentalos a 2.300 km ao que lle hai que sumar 466 km de autovías libres de peaxe para acadar unha redución inicamente do 16% nos tempos medios de viaxe?

Porqué pretendemos hipotecar 16.000 millóns en estradas cando contamos cunha rede ferroviaria absolutamente obsoleta, con liñas deseñadas e construídas entre 1870 e 1962, unha rede que conta co 40% das curvas de radio menor ou igual de 300 m e o 20% das curvas de radio menor ou igual de 500 m de toda a rede de RENFE, cunha lonxitude de tan só o 7,2% do total.

E como pretendemos, no colmo do esperpento construír unha autovía libre de peaxe paralela a unha autoestrada xa en funcionamento (A-9) e na que mesmo xa se está a falar de desdobrar carrís?.

Precisamos elaborar un Plano Galego de Transporte e Infraestruturas Sustentábel, que priorice a “creación de proximidade” e a redución da demanda de transporte (de forma integrada coa planificación territorial e urbanística), restrinxa fortemente o transporte privado (sobre todo nas comarcas urbanas), fomente a intermodalidade, e logre unha transferencia substancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos de transporte menos contaminantes (ferrocarril, autobús, bicicleta,…) e deixar o PDEG esquecido no máis escuro dos arquivos da administración.