Carballeira de Menáncaro, carballeira do Pazo do Monte, lamigueiro de Vilela, teixo da malata en Ferrol; acivro da Casa da Quintana en Narón; sebe de buxos da Bouza da Cabra e araucaria da Vila Herminia en Valdoviño foron as propostas que Verdegaia Ferrol, Eume e Ortegal solicitou á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para seren incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.
O Catálogo Galego de Árbores Senlleiras pretende incluír aquelas especies botánicas autóctonas ou foráneas que precisen ser protexidas polo seu valor natural, cultural, científico, didáctico, estético ou paisaxístico. Estas especies non teñen porque estar en perigo nin ser autóctonas, mais si son especies únicas en galiza que poden destacar polo seu porte, pola súa historia, pola súa rareza, etc…
Que estas especies figuren no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras permite que se beneficien de medidas de conservación e mellora, prohibindo calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, saúde ou apariencia.
Carballeira de Menáncaro: Unha das últimas carballeiras de Ferrol de aproximadamente 5Ha ás que se lle engade o bosque de ribeira do río da Sardiña. Conta con exemplares que varían entre os 25 e os 100 anos, chegando a alcanzar diámetros de até 0.70 m e alturas de aproximadamente 20 m nalgúns casos. Alén do seu valor paisaxístico e ecolóxico destaca o seu valor sentimental para as xentes de Ferrol e arredores que, sobretodo na romería de Chamorro, frecuentan e disfrutan para xantar e troulear. Actualmente ameazada por un Plan de Sectorización que pretende a construcción de 72 “chalets” e un hotel, amais dunha ampla estrada con rotonda incluída. Un dos propietarios maioritarios e interesado na aprobación deste plan de sectorización é o actual Teniente de Alcalde do Concello de Ferrol.
Carballeira do Pazo do Monte: Situada a carón do Pazo do Monte, edificación do século XVII actualmente reconvertido en restaurante, de aí o seu nome. trátase dunha carballeira de 36 exemplares de grande porte, que superan os cen anos. De feito, son os restos do que antano fora o souto de Pazo; unha extensa masa arbórea composta principalmente por carballos e castiñeiros. Segundo asegura o propietario do Pazo do Monte, os carballos foron prantados no ano 1760, a instancias do goberno daquela época para destinalos á construcción naval. Asegura dispoñer de documentos que así o acreditan. Na carballeira existe un pequeno manancial que discorre a través dun ameneiral. Tamén hai varios exemplares de faias, con diámetros de máis de 0,30m. Na carballeira pacen os cabalos propiedade do pazo. O perímetro destas árbores oscila entre os 2, 10 e os 2, 90 m, acadando diámetros que varían de entre 0,50 e 0,70 m. A altura aproximada é duns 20m. Entre os Plátanos do aparcadoiro das inmedicións do pazo, atópase o exemplar de carballo máis portentoso, con 3,43 m de perímetro e aproximadamente 0,80m de diámetro.
Lamigueiro de Vilela: exemplar de grande porte, de aproximadamente 15 m de altura, cuxo tronco acada un diámetro de 0,80m e 2,70m de perímetro. Os máis vellos do lugar xa lembran esta árbore cando eran mozos e din que foi plantada no seu día para fixar o talude da estrada existente que orixinariamente foi un camiño. Tamén din que nos últimos anos obsérvase unha maior vitalidade da árbore, o que denota a súa boa saúde. Calculase que ten arredor de 100 anos de antiguedade. Debido á grafiose, estas árbores sucumbiron en toda Europa, mermando significativamente as súas poboacións. Na eucaliptizada bisbarra de Ferrol esta especie arbórea pode considerarse como rara, podéndose atopar algúns exemplares illados nas Fragas do Eume ou na zona de Mugardos. O Lamigueiro de Vilela corre serio perigo polas posíbeis envestidas de vehículos ao estar á beira da estrada. De feito, un camión envestiu recentemente contra o hórreo á carón da árbore, resultando seriamente danado.
Teixo da Malata: Situado nunha eira privada na Malata (Ferrol) con outros dous teixos de diámetro e altura lixeiramente menores. Trátase dun exemplar de 2,90m de perímetro, 0,70m de diámetro e máis de 12 metros de altura. Na eira houbo máis teixos que pereceron. A propietaria comenta que os teixos foron prantados por indianos procedentes de América, calculándolle ao teixo que nos ocupa unha idade de máis de 300anos!!
Acivro da Casa da Quintana: Localízase no Lugar de Quintá, parroquia do Val en Narón, na eira da Casa da Quintana. Esta casa está catalogada con 900 anos de antiguedde, considerándose a máis antiga de Galiza. Trátase dun acivro femia de grande porte, acadando unha altura de aproximadamente 12m. O tronco ten 0,55m de diámetro e 2, 20 m de perímetro. Calcúlase que pode ter arredor de 100 anos de antiguedade. está situado a carón dun cobertizo de pedra, polo que as ponlas da metade inferior do tronco foron podadas para non resultar afectada a edificación, por este motivo acadou co tempo unha forma singular.
Sebe de buxos da Bouza da Cabra: Trátase dunha sebe mixta de Buxus sempervirens, laurus nobilis, Crataegus monogyna e outras especies que pecha a eira dunha casa privada. O número de exemplares de buxo é de 31. O diámetro dos buxos oscila entre os 25 e os 30 cm, con aproximadamente 6 ou máis metros de altura, e calculándoselles máis de cen anos de antiguedade. O propietario laiase dos desbroces indiscriminados efectuados ocasionalmente polo concello de Valdoviño, afectando aos buxos , e tamén do roubo dun dos exemplares xa que espertan grande admiración chegando incluso a haber persoas interesadas en mercarllos. Debido a escaseza de exemplares dese diámetro, a Consellería de Medio Ambiente e desenvolvemento Sostíbel debería facer todo o posíbel por preservalos.
Araucaria da Vila Herminia: Situada nunha finca privada na que se atopa a casa chamada “Villa Herminia”, en Vilarrube (Valdoviño). O perímetro desta maxestuosa árbore é de 4,33m, o diámetro de 1, 40m e a altura de aproximadamente 30m. O propietario afirmou que tiña 106 anos.