obras_duna_escavadora.jpgVerdegaia vén de apresentar un escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría do Medio Rural onde solicita formalmente a destitución do equipo director-conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia pola súa pésima xestión deste valioso espazo natural protexido.

Entre os motivos que levan a formalizar esta solicitude están a tardanza de aprobación do Plano Reitor de Uso e Xestión, que xa debía estar aprobado o 3 de xullo de 2003, a falta dunha campaña seria de erradicación das especies invasoras do Parque Nacional, a vulnerabilidade dalgunhas especies ameazadas que se atopan no espazo protexido como a herba da agulla (Erodium maritimum) ou a herba de namorar das dunas (Armeria pungens), a falta de medidas para paliar a diminución da poboación de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), o elevado cupo de visitantes que ten o espazo natural,  e que recentemente se comezaron as obras de construción dunha pasarela de acceso que  vai atravesar o cordón dunar de Figueiras Muxieiro, entre outros motivos.

As obras de construcción desta pasarela foron denunciadas pola vía administrativa ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pertencente á Consellaría de Medio Rural, enviando copia tamén ao Conselleiro do Medio Rural, e ante o Organismo Autónomo Parques Nacionales, pertencente ao Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, enviando copia tamén á Ministra de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino.

obras_duna.jpgPola vía penal tamén se efectuou denuncia destas obras perante o xulgado de instrución número 1 de Vigo por un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente e por un delito relativo á protección da fauna e da flora.

Nas denuncias apresentadas, Verdegaia solicita que se paralicen cautelarmente as obras de construción da devandita pasarela, que se restitúa a situación anterior ao comezo das obras, que se avalíen correctamente os impactos ambientais e alternativas do proxecto construtivo en execución, incluíndo a pertinente participación social e científica, e que se substitúa o actual acceso ao interior da illa que atravesa as dunas e que en vez de levantar a pasarela polo medio das dunas se levante esa pasarela pola praia de Rodas para preservar ese valioso ecosistema dunar.