Verdegaia vén de apresentar alegacións ó P.R.U.X. (Plano Reitor de Uso e Xestión) do Parque Natural do Monte Aloia para ampliar a súa superficie, de tal xeito que este espazo protexido pase a incluir a totalidade da Serra do Galiñeiro. Esta serra é colindante co citado Parque Natural e alberga un grande número de valores naturais pero na actualidade non conta con ningunha figura de protección.
O futuro espazo natural protexido chamaríase "Parque Natural do Monte Aloia e Serra do Galiñeiro" e os motivos alegados para solicitar que a Serra do Galiñeiro pase a formar parte do Parque Natural do Monte Aloia son os seguintes:
A) Valores botánicos:
-
Presenza de especies orófilas nas cotas máis altas da Serra do Galiñeiro como Avenula sulcata e Saxifraga spathularis, salientando a presenza de Ranunculus nigrescens e Gagea nevadensis. A presenza desta última especie, polo seu interese fitoxeográfico, aparece recollida no último número da NACC da Universidade de Santiago.
-
Presenza de comunidades rupícolas con abundantes endemismos nos cumios da Serra do Galiñeiro, tais como Stipa gigantea, Linaria saxatilis, Thymus caespititius ou Silene uniflora.
-
Presenza na Serra de zonas de breixeiras húmidas sobre depósitos de turba nas que atopamos Genista berberidea, Erica ciliaris e Erica tetralix (hábitat de interese comunitario incluído na Directiva de Hábitats coa consideración de prioritario, código 4020).
-
Existencia na Serra do Galiñeiro de brañas e turbeiras con presenza de Arnica montana subesp. atlantica, Drosera intermedia, Drosera rotundifolia, Pinguicula lusitanica, Carex durieui, entre outras especies de interese. Este hábitat resulta asimesmo de interese comunitario coa calificación de prioritario, co código 7110.
-
Existencia dunha corrente de augas oligotróficas con Ranunculus (hábitat de interese comunitario, con código 3110). Nesta mesma comunidade flotante atopamos o endemismo Baldellia alpestris.
-
Existencia na Serra de matogueira oromediterránea de Pterospartum tridentatum, Erica australis,…
-
Presenza na Serra do Galiñeiro de matogueira termófila con presenza de endemismos como Erica umbellata, Ulex micranthus, Ulex minor, Genista triacanthos,…
-
Diversidade da flora arbórea autóctona, con elementos montanos (Betula celtiberica ou Ilex aquifolium), mediterráneos (Quercus pyrenaica e Quercus suber) e atlánticos (Quercus robur).
-
Elevada diversidade florística, constituíndo a Serra do Galiñeiro unha auténtica encrucillada fitoxeográfica onde conflúen elementos montanos e continentais con elementos termófilos e litorais, elementos atlánticos con elementos mediterráneos, endemismos, etc.
B) Valores faunísticos:
-
Existencia dun núcleo de invernada habitual de azulenta papuda (Prunella collaris), especie de presenza moi escasa e localizada en Galicia, na zona máis septentrional da Serra do Galiñeiro.
-
Presenza dun núcleo de cría de merlo azul (Monticola solitarius) nos cumios máis elevados da Serra do Galiñeiro.
-
Presenza ocasional de abutre común (Gyps fulvus) na Serra do Galiñeiro.
-
Presenza regular na Serra do Galiñeiro de avifauna de interese durante os periodos migratorios prenupcial e posnupcial como é o caso do picanzo real (Lanius excubitor) ou do pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe).
-
Existencia na Serra de poboacións de saramaganta (Chioglossa lusitanica), endemismo considerado como a especie de anfibio máis ameazada da Península Ibérica.
-
Presenza de especies de anfibios endémicas na Serra como a rá patilonga (Rana iberica), o limpafontes común (Lissotriton boscai) e o sapiño pinto (Discoglossus galganoi). Os dous anuros mencionados están incluídos no Anexo IV da Directiva de Hábitats comunitaria.
-
Existencia de importantes poboacións de sapo común (Bufo bufo) na Serra do Galiñeiro, así como de sapo corredor (Bufo calamita), especie incluída no Anexo IV da Directiva de Hábitats.
-
Importante poboación de Podarcis hispanica, lagartixa que se distribúe principalmente polas cotas máis altas e mediterraneizadas da serra.
-
Existencia dunha poboación importante de cabalo galego de monte, que cada ano é reunida no curro do Galiñeiro, en Vincios. Ao interese que a serra do Galiñeiro ten para a conservación desta raza autóctona, úneselle a presenza de gando vacún, ovino e caprino en réxime extensivo. Este réxime de pastoreo favorece a conservación das comunidades vexetais arbustivas, e actualmente a Serra do Galiñeiro é unha das últimas zonas do entorno (xunto á Serra da Groba) que aínda o manteñen.
C) Valores xeolóxicos:
-
Existencia dunha grande riqueza xeolóxica cunha ampla gama de minerais presentes na Serra do Galiñeiro.
-
Presenza da formación xeolóxica de interese dos "Milagres da Trapa" na aldea de Os Cabreiros (O Porriño).Trátase dunha acumulación de rochas graníticas en forma de "kaos" de rochas.
-
Existencia da cavidade granítica de orixe glaciar da "Cova da Becha" na parte máis elevada da Serra do Galiñeiro.
-
Existencia de depósitos de rochas ou canchais na base dos cumes, de posíbel orixe periglaciar.
-
Presenza de cavidades graníticas de interese como a "Lapa da Moura" en Vilas (Gondomar) ou as existentes no Monte Arruído en Vicios (Gondomar).
D) Valores etnográficos e arqueolóxicos:
-
Presenza na serra do panel de armas de "Auga da Laxe" de características únicas no continente europeo.
-
Existencia na serra de tres campos de mámoas: "Os Bromús" con tres mámoas, o "Monte das Moutas" con sete e o campo de mámoas de Herbille.
-
Restos dunha fortaleza altomedieval en As Gallas, na crista da serra.
-
Celebración dun curro de cabalos, único en Galicia con estrutura de madeira.
-
Riquísima tradición oral con lendas vinculadas a elementos do mundo físico e a vestixios arqueolóxicos, referidas aos mouros e os seus tesouros, ás mouras ou "señoras", á becha, ó brión ou á Vella.