O pasado Xoves 28 de Maio celebrouse a asemblea constituínte do Núcleo Comarcal de Verdegaia en Pontevedra. Con este son seis os Núcleos Comarcais de Verdegaia, que ademais tamén conta desde Maio de 2008 cunha representante local en Ribeira.
O Núcleo Comarcal de Pontevedra ten como ámbito territorial a comarca oficial de Pontevedra (Pontevedra, Poio, Barro, Vilaboa, Campo Lameiro, Cotobade, Ponte-Caldelas e A Lama) máis os Concellos de Marín, Bueu e San Xenxo. A Comisión Coordenadora Comarcal está integrada por Rubén Portas (coordenador), María Rey (vicecoordenadora), Gustavo Cochón (secretario), Alejandro de Jesús (vicesecretario), Soledad Cabanelas (tesoureira) e Mónica Silva (vicetesoureira).
A organización de roteiros, o rexeitamento ás touradas, a celebración de tertulias ecoloxistas ou o seguimento do LIC do Río Lérez serán algunhas actividades locais que o Núcleo combinará coa participación nas actividades xerais de Verdegaia.
A asociación ecopacifista Verdegaia organízase territorialmente en Núcleos Comarcais. En 2006 comezou a súa andaina con catro Núcleos: Ferrol, Eume e Ortegal; Compostela; Vigo e Ourense. En Maio de 2008 constituíu un novo NC na Coruña e designou unha representante local en Ribeira. Agora Verdegaia medra en e con Pontevedra, avanzando no seu compromiso de contribuír para a transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz.