canon_sil_web.jpgVerdegaia vén de presentar alegacións contrarias ao proxecto de explotación hidroeléctrica de Santa Cristina promovido por Iberdrola, pois entende que causaríalle danos ambientais inasumibles a un dos espazos naturais de maior interese da Península Ibérica. Con este proxecto, Iberdrola pretende tirar maior proveito da súa xa abusiva explotación do Sil, contribuíndo ao tempo a tentar compatibilizar dúas fontes de produción cada vez máis en conflito e nas que ten fortes intereses: a eólica, non almacenable, e a nuclear, inflexible (as nucleares non se poden apagar e acender como as centrais de ciclo combinado).   A Xunta debe oporse a este proxecto e a Confederación Miño-Sil denegalo.

 

Xa no ano 2007 se comezaba a falar deste proxecto e Verdegaia xa mostrou a súa oposición, polos impactos irreversibles que provocaría na zona. Iberdrola presentou unha modificación sobre o proxecto do ano 2007 e o actual sepárao do declarado BIC (Ben de Interese Cultural) Mosteiro de Santa Cristina e afástano lixeiramente da zona LIC (Lugar de Interese Comunitario) da rede Natura 2000. A pesar disto, unha vez analizados os impactos do proxecto, a listaxe é considerable: máis de 100 especies de fauna ameazadas afectadas,; afectación á zona LIC; afectación a dous hábitats prioritarios (carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica e brezais secos europeos); afectación á Vía Nova; impacto visual desde 12 situacións habituais para observar o Canón do Sil (moitas delas miradores, tanto na provincia de Ourense como na de Lugo); afectación clarísima ó turismo que se desenvolve na zona (tanto polo impacto visual como polos oito anos de obras, ruído, contaminación do aire, etc.). E temos que destacar que o cálculo de moventos de terras é de case 850.000 metros cúbicos, dos cales case 580.000 corresponden a excavacións subterráneas e algo máis de 270.000 a excavacións a ceo aberto.
 
Resulta insultante que o Estudo de Impacto Ambiental que presenta a empresa Iberdrola Generación, S.A.U., á medida dos seus intereses e falto de rigor, diga en todo momento que os impactos son “compatible”, “moderado” ou  incluso “no significativo”.
 
As centrais hidroeléctricas de bombeo son necesarias como mecanismo de almacenamento da enerxía eólica mais non se poden localizar en zonas de alto valor ecolóxico coma o canón do Sil. Ademais, o seu número e localización deberían determinarse no marco dunha planificación enerxética cara a un sistema 100% renovable que  procurase unha forte redución do consumo actual e incluíse o abandono progresivo da enerxía nuclear. A produción inflexible das nucleares chocará cada vez máis coa produción renovable a medida que esta se expanda. En 2010, os aeroxeradores tiveron que parar 13 veces en España por un exceso de produción en momentos nos que a rede eléctrica non podía absorber máis porque as nucleares, que non se poden desconectar, estaban achegando electricidade de xeito continuo.
 
Adianto da extinción das concesións hidroeléctricas
 
Iberdrola, propietaria ou copropietaria de todas as centrais nucleares españolas e  líder en enerxía eólica,  só está interesada en manter e ampliar o seu negocio eléctrico, sexa este cal for, e mesmo que sexa a costa de deteriorar aínda máis espazos naturais tan valiosos e emblemáticos coma o canón do Sil, do que xa leva tirado cuantiosos beneficios nas últimas décadas.  Verdegaia é partidaria dunha reforma da Lei estatal de Augas que adiante a extinción de todas as concesións hidroeléctricas dos actuais 75 anos a, por exemplo, 50,  de forma que os beneficios dos aproveitamentos enerxéticos da auga revirtan antes nos orzamentos públicos e se favoreza a minimización do seu impacto socioambiental (o que inclúe a eliminación dos encoros máis prexudiciais). Outra vez temos que afirmar que a solución pasa única e exclusivamente por un ambicioso aforro enerxético e pola transición a un modelo eléctrico 100% renovable,  en lugar de continuar falando da suba “inevitable” de demanda de enerxía ou da “necesidade” das nucleares.
 
A esta mesma empresa xa se lle concedeu recentemente a explotación Santo Estebo II (cun sistema semellante, un túnel no mesmo canón e turbinar a auga nel) e San Pedro II. Parece que a Administración esqueceu que entre os días 12 e 17 de xullo de 2009 esta empresa incumpriu a Declaración de Impacto Ambiental de Santo Estebo II e secou o río completamente, coa consecuente morte de moitos exemplares de troita común, ademais de botar directamente ó leito do río os cascallos da obra. Se a isto lle sumamos que Gas Natural xa posúe os encoros de Belesar e os Peares e acaban de someterse a información pública os novos proxectos Os Peares II e Belesar II (cun sistema idéntico ó de Santo Estebo II) é moi cuestionable a preocupación que ten a Confederación Miño-Sil do Ministerio de Medio Ambiente pola conservación do medioe pola defensa do interese público.

 

 

Os recursos naturais non son ilimitados e somos os únicos responsables da nosa propia supervivencia, que pasa pola supervivencia de moitas especies, isto é, polo mantemento da biodiversidade. Pode que a xente que dirixe empresas como Iberdrola ou Gas Natural non se decate deste feito, pero  A NÓS SI QUE NOS IMPORTA.

Documento:

2011-09-13_alegacins_sta._cristina_iberdrola_web

 

 

canon_sil_web.jpg

Vista do canón do Sil desde o emprazamento da subestación transformadora, pero de Vilouxe (foto tirada da web da SGHN)