A asociación Verdegaia manifesta o seu rexeitamento á decisión do Concello de Vigo de talar os chopos da Avda. de Castelao, coa excusa dunhas supostas alerxias causadas por este tipo de árbores.

As dúas especies de chopos existentes en Coia (Populus alba y Populus nigra) florecen entre os meses de marzo e abril, antes de botar as follas, e os froitos (de aparición posterior) presentan unha certa cantidade de pelos que favorecen a súa dispersión polo vento. Eses pelos, causantes dalgunhas molestias aos veciños durante un corto período de tempo na primavera, non teñen esas propiedades alérxicas aducidas polo Concello de Vigo para xustificar a tala destas árbores.

A súa corta, nunha cidade como a nosa onde apenas existen espazos destinados a zona verde, suporá unha gravísima perda, xa que co paso dos anos estas árbores se teñen convertido nun auténtico pulmón depurador de contaminación, no fogar de gran cantidade de aves e nun lugar de lecer e esparcimento dos veciños da zona.

Ademáis, a posible eliminación dos chopos presentes noutras zonas da cidade, e fundamentalmente nas beiras do río Lagares, suporía un grave perxuízo  para o medio ambiente desta cidade, demasiado castigado xa pola agresiva urbanización que se vén sufrindo dende hai anos e que se ten acelerado nos últimos tempos.

A amenaza do Concello de talar calquera árbore que poda producir alerxias aos cidadáns, podería chegar a ocasionar situacións tan surrealistas como a eliminación dunha árbore emblemática para os habitantes de Vigo: a oliveira, xa que esta especie produce un pole tremendamente agresivo para determinadas persoas.

Por todo isto, Verdegaia solicita a inmediata suspensión desta medida e a progresiva  introducción nos parques e xardíns desta cidade de especies autóctonas, menos problemáticas e máis acordes co noso medio.