O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) construirá no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas, en Compostela, o primeiro invernadoiro de Galicia destinado á Biotecnoloxía Forestal, ou sexa, á investigación de árbores modificadas xeneticamente. Verdegaia ven de trasladarlle á Consellería de Medioambiente a esixencia de anular a decisión de construír en Santiago de Compostela o primeiro invernadoiro de Galicia dirixido ao traballo con plantas transxénicas; que a Xunta se comprometa a non destinar recursos públicos á investigación de árbores modificadas xeneticamente;  e a elaboración dunha Lei que prohiba as árbores xeneticamente modificadas -incluíndo os ensaios de campo- en Galicia. 

A instalación de este tipo de laboratorios supón unha grave ameaza na medida en que a manipulación xenética que se está a levar a cabo apunta a consolidar e expandir un modelo de monocultivos forestais que xa demostrou resultar en graves impactos sociais e ambientais en moitos países.

Doutra banda, o uso de árbores transxénicas agravaría aínda máis os impactos xa constatados sobre a auga, dado que unha das características que se desexa introducir é a dun crecemento máis rápido, o que significaría un uso maior de auga por parte das plantacións.1

Ao mesmo tempo, estase a investigar para a introdución de xenes que volvan ás árbores máis resistentes ao frío, co obxectivo de poder plantalos en rexións máis frías e máis altas. Iso implicaría impactos sociais e ambientais en áreas aínda non afectadas polos actuais monocultivos.

Tamén se están a desenvolver investigacións para dotar as árbores de características insecticidas, co obxectivo de facelos resistentes a determinados insectos como o caruncho do brote (Ryacionia buoliana). O resultado podería ser a mortaldade dunha cantidade doutras especies de insectos, cos consecuentes impactos sobre as cadeas alimenticias da fauna local e quizá ata sobre a polinización de especies da flora nativa vinculada aos devanditos insectos.

Ademais investígase a introdución de xenes que aumenten a tolerancia das árbores ao herbicida glifosato; iso implicaría impactos sociais e ambientais aínda maiores, destrución de flora local e afectaría a saúde da xente.

A investigación para obter eucaliptos que conteñan maior cantidade de celulosa para a produción de etanol e polo tanto menor cantidade de lignina, compoñente que lle dá forza estrutural ás árbores, faraos susceptibles de sufrir e á súa vez causar serios danos durante as tormentas de vento.2

Resulta importante sinalar que na última Conferencia das Partes do Convenio sobre Diversidade Biolóxica (COP8) adoptouse a decisión VIII/19 (Diversidade Biolóxica Forestal: aplicación do programa de traballo), que "Recomenda ás Partes adoptar enfoques de precaución ao tratar a cuestión das árbores xeneticamente modificadas".
Ao fundamentar tal decisión a COP8 sinalou: "Recoñecendo as inexactitudes [incertezas] relacionadas cos impactos ambientais e socioeconómicos potenciais, incluíndo os impactos a longo prazo e os transfronteirizos, de árbores modificadas xeneticamente sobre a diversidade biolóxica dos bosques a nivel global, así como os medios de subsistencia das comunidades indíxenas e locais"

Por todo isto, Verdegaia enviou unha carta esixíndolle á Consellería de Medio Ambiente:

  • A revogación da decisión de construír en Santiago de Compostela o primeiro invernadoiro de Galicia dirixido ao traballo con plantas transxénicas, e que a Xunta se comprometa a non destinar recursos públicos á investigación de árbores modificadas xeneticamente;

  • A elaboración dunha Lei que prohiba as árbores xeneticamente modificadas -incluíndo os ensaios de campo- en Galicia;

  • Que recomende á Convención sobre Diversidade Biolóxica (CDB) e ao Ministerio de Medio Ambiente que prohiba definitivamente as árbores xeneticamente modificadas -incluíndo os ensaios de campo- debido aos graves riscos que iso implica para a diversidade biolóxica do noso planeta.

———————————————— 

1GE Trees, Cellulosic Ethanol & Destruction of Forest Biological Diversity – By Global Justice Ecology Project and Global Forest Coalition – February 2008 http://www.wrm.org.uy/actors/BDC/SBSTTA13/GE_Trees_Cellulosic_Ethanol.pdf 

2 Ver tamén a sección especial do WRM sobre Árbores Transxénicos http://www.wrm.org.uy/temas/biotecnologia.html