Segundo unha nova publicada en El País, o Concello de Carballo solicitou información ao Goberno central ao respecto da posibilidade de instalar un Almacén Temporal Centralizado (ATC) de resíduos nucleares no Concello, unha mostra máis da irresponsabilidade coa que as distintas administracións tratan este problema, no caso do Concello de Carballo en base ás posíbeis prebendas económicas.
A irresponsabilidade de apostar pola enerxía nuclear sen ter resolto o problema da xestión dos seus residuos creou un problema de imposíble solución, dada a longa vida activa deste tipo de residuos, contabilizada en milleiros de anos.
A xestión dos residuos non se pode desligar do futuro das nucleares nin técnica nin socialmente. Así, tentar enfrontar este problema sen adoptar previamente un plano que articule o peche urxente das centrais en funcionamento só contribúe a agravar se cabe a situación. Canto máis tempo funcionen as centrais nucleares, maior volume de residuos radiactivos haberá que xestionar. Dado que non existe hoxe ningunha opción de tratamento boa, resulta prioritario minimizar a xeración destes residuos tan perigosos.
Unha vez decidido o peche das centrais nucleares é o momento de establecer un amplo consenso social e político entre todos os colectivos interesados, incluídas as organizacións ecoloxistas, ao respecto da xestión de resíduos, ubicación de almacéns etc.. Só este proceso permitirá alcanzar un acordo sobre o modo de xestión dos residuos nucleares coñecendo exactamente o volume e condición dos residuos a xestionar.
Establecido o consenso, cómpre aplicar o principio de quen contamina paga. É dicir, aquelas empresas que recollen inxentes beneficios da produción eléctrica e que conten con centrais nucleares entre os seus activos deberán enfrontar todos os custos da xestión de residuos. Non é admisíbel que ENRESA, a empresa pública de xestión de resíduos radiactivos, se financie con cargo aos recibos do consumidor, dos que o 0,7% do total se destina a este fin. Non son as empresas que obteñen o beneficio económico as que pagan senón o conxunto da sociedade.
Verdegaia rexeita o uso da enerxía nuclear por considerala unha forma de enerxía innecesaria, insegura, perigosa e insustentábel perfectamente substituíbel por medidas de aforro e eficiencia enerxética e polo emprego de fontes enerxéticas renovábeis.