En Ribeira vén de facerse pública a solicitude recentemente presentada pola sociedade Xarás S.L. para desenvolver un proxecto de urbanización de luxo con dous campos de golf, que estaría situado na parroquia de Artes, a escasa distancia do Parque dunar de Corrubedo. Golf miño

 

O complexo urbanístico, que ocuparía unha superficie de máis de 600.000 metros cadrados, albergaría tamén un hotel de luxo, ademais de varios centos de vivendas, e contaría con heliporto privado.

 

A finca na que se pretende construír esta macrourbanización está clasificada, na súa maior parte, como solo rústico de protección forestal. Isto significa que para levar a cabo este proxecto precisaríase a modificación do PXOM coa correspondente recualificación dos terreos. Ademais, unha parte do terreo está catalogado como solo de protección de patrimonio, xa que nel atopamos o Castro de Artes, un xacemento arqueolóxico catalogado.

Os terreos lindan co do Parque Natural de Corrubedo, un dos poucos espazos protexidos dunha moi insuficiente Rede Natura galega que sufría de moi fortes impactos: consumo de territorio, urbanización do medio natural, perda de conectores biolóxicos entre espazos naturais, contaminación de acuíferos, desfiguración da paisaxe, presión humana, incremento do tráfico, ruído, contaminación lumínica nocturna, etc.

 

Un proxecto destas características non pode ir adiante só co visto e prace da administración, xa que dubidamos moito de que puidese pasar o trámite de consultas dunha avaliación ambiental feita con seriedade.

 

Os campos de golf xeran un alto número de problemas ambientais (a produción e emprego de fertilizantes, o emprego de maquinaria, a introdución de especies exóticas de herbas que invaden zonas adxacentes e o consumo elevado de auga, entre outros…). Polo tanto, este tipo de proxectos producen un forte impacto no solo, no territorio, na paisaxe, na flora e na fauna, alteración do réxime fluvial, do aire e da estrutura e funcionamento dos ecosistemas presentes na zona.

 

Este tipo de instalacións requiren un enorme consumo de auga, equivalente ao consumo doméstico nunha cidade de 15.000 habitantes. Isto significa que Ribeira tería que dispor do dobre de auga da que se está consumindo agora. A isto temos que engadirlle o consumo de auga das vivendas previstas (varios centos). Poderíase garantir un subministro axeitado en tódalas épocas do ano para toda a poboación? Canto á posibilidade de abastecerse do rego que transcorre pola finca, cómpre lembrar que as augas comunican unhas con outras. En que medida podería afectar outros regos veciños, ou mesmo a hidrografía do Parque de Corrubedo, un consumo de auga como o previsto? Cóntase con algún informe de Augas de Galicia que avalíe os impactos do proxecto para o réxime hidrográfico da zona?

 

Ademais, os campos de golf son monocultivos, cuxo mantemento require o uso de grandes cantidades de fertilizantes e pesticidas que acaban por contaminar as augas subterráneas das que nos abastecemos, e provocan perda de biodiversidade.

 

En Galiza, coa crise do ladrillo, son moitos os campos de golf ligados a operacións urbanísticas que lles están dando moitos problemas aos seus promotores e aos concellos onde se sitúan. Executados só para vender pisos ou casas, esmorecen logo no esquecemento e os bancos buscan a quen venderllos desesperadamente. Bástanos co exemplo de Costa Golf Miño para saber como podemos acabar.

 

A Cámara municipal antes de facer modificación ningunha do PXOM, de cara a facilitar edificabilidade en solos cualificados como rústicos de protección forestal, debería facer pública a listaxe de vivendas baleiras que hai no concello de Ribeira e reflexionar e mover a cidadanía a reflexionar sobre a necesidade de construír novas vivendas. Non queremos outro pelotazo urbanístico en Ribeira.