trafico_autopista.jpgA Xunta continúa sen presentar un Plano de Redución das Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI). O último prazo superado para a presentación deste Plano, anunciado en numerosas ocasións desde o comezo da lexislatura e sucesivamente adiado, foi o do 1 de xaneiro, fixado na Estratexia Española de Cambio Climático e Enerxía Limpa (EECC e EL). Verdegaia esixe que non se atrase máis a presentación do Plano e propón á Xunta 10 medidas relevantes para reducir as emisións de gases causantes do cambio climático. 

A EECC e EL considera chave o papel de Comunidades Autónomas e Concellos. Gobernos autonómicos como os de Andalucía, Cataluña ou País Basco xa remataron ou están a piques de rematar procesos de elaboración de planos para reducir as emisións de GEI. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible promoveu nos últimos anos algunhas accións destacables sobre o cambio climático, en materia de investigación científica e de educación ambiental no ensino secundario, mais non foi capaz até agora de impulsar, xunto co resto da Xunta, a medida máis importante: un plano para reducións  drásticas e urxentes das emisións.

As emisións de GEI por habitante de Galicia son de 13,1 toneladas/ano, superiores polo tanto ás emisións medias da UE-25 (10,9) e de España (10), xa moi altas. As emisións totais de GEI en Galicia aumentaron nun 30% entre 1990 e 2004, o dobre do límite de aumento do 15% até 2008-2012  co que se comprometeu o Estado español para cumprir o Protocolo de Quioto. O incremento foi especialmente acusado no sector do transporte por estrada, que debido ao aumento do tráfico duplicou as súas emisións, converténdose, por éste e por outros motivos, nun enorme factor de insustentabilidade en Galicia.

A pésima situación de partida e o imperativo de reducir con urxencia e de forma significativa as emisións de GEI para estar á altura do desafío que representan as alteracións climáticas, obriga á Xunta a adoptar un conxunto de medidas enérxicas e de grande alcance. Verdegaia salienta un decálogo de accións que, ao mesmo tempo que reducirían as emisións de gases causantes do cambio climático, representarían un importante avanzo cara a sustentabilidade.

1. Elaborar e impulsar unha Lei contra o Cambio Climático que estableza para Galicia obxectivos de redución das emisións causantes do cambio climático, para todos os gases de efecto invernadoiro e para todos os sectores. No período 2008-2012, o aumento das emisións non superará o 15%, e no 2020 deberase atinxir unha redución do 30%, en ambos os casos a respecto dos niveis de 1990.

2. Crear unha Secretaría Xeral de Loita contra o Cambio Climático  que impulse e coordene as actuacións do Goberno galego relacionadas coa mitigación e a adaptación ao cambio climático. Esta Secretaría dependerá da Presidencia ou dunha Vicepresidencia para a Sustentabilidade.

3. Promover un Programa de Educación Ambiental sobre o Cambio Climático dirixido a toda a sociedade galega, cun orzamento mínimo anual dun millón de euros.

4. Desenvolver un vigoroso Programa de Aforro e Eficiencia Enerxética que procure a  redución do consumo enerxético en todos os sectores, de forma que se atinxa unha diminución total, en termos absolutos, do 1% anual do consumo de enerxía até o 2012.  No 2020, deberíase atinxir unha redución mínima do 20% a respecto dos niveis de 2005. Todas as Administracións públicas deberán reducir o consumo de enerxía nos seus edificios, equipos e instalacións nun 1,5% anual en termos absolutos e lograren un aforro do 35% no 2020 a respecto de 2005.

5. Limitar drasticamente a produción eléctrica con carbón a través da imposición fiscal, reformando o imposto autonómico sobre a contaminación atmosférica para que penalice máis a produción eléctrica sucia  e introducindo unha taxa sobre o uso de carbón importado nas centrais térmicas. Os fondos obtidos así destinaranse á promoción do aforro e a eficiencia enerxéticas e ao apoio ás enerxías renovables.

6.Desenvolver un ambicioso Programa de Fomento das Enerxías Renovables, con especial atención á enerxía solar e á biomasa,  orientado por tres criterios básicos: aproveitamento o máis descentralizado posible, minimización dos impactos sobre o territorio e a biodiversidade e maximización dos beneficios socioeconómicos para a sociedade galega. As enerxías renovables representarán polo menos o 35% da enerxía primaria no 2020.

7.Establecer unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas mentres non se aprobe un Plano Galego de Transporte e Infraestruturas sustentable, que priorice a "creación de proximidade" e a redución da demanda de transporte (de forma integrada coa planificación territorial e urbanística), restrinxa fortemente o transporte privado (sobre todo nas comarcas urbanas), fomente a intermodalidade, e logre unha transferencia sustancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos de transporte menos contaminantes (ferrocarril, autobús, bicicleta,…).

8.Crear servizos ferroviarios de proximidade no contorno das sete principais cidades galegas antes do 2012, nomeadamente en A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo, e ampliar a rede ferroviaria galega a través da creación de novas liñas,  como por exemplo unha que una as cidades de Santiago e de Lugo. Apostar pola modernización de toda a rede convencional desbotando a alta velocidade estrita polo seu forte impacto sobre o territorio, elevado consumo eléctrico e baixa rendibilidade social.

9. Fomentar a produción e o consumo local de alimentos ecolóxicos a través dun plano específico de desenvolvemento da agricultura ecolóxica galega dotado cun orzamento público de 25 millóns de euros até o 2010.

10. Pechar antes do fin desta lexislatura a incineradora de SOGAMA e pór en marcha en 2008 unha política de residuos urbanos sustentable, que priorice en primeiro lugar a redución da xeración de lixo, impulse a recolla selectiva e cree unha rede de plantas comarcais de reciclaxe e compostaxe.