Verdegaia vén de propor á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a ampliación da Zona de Especial Protección das Aves (ZEPA) “A Limia” tal e como quedara na última xuntanza do grupo de traballo creado entre grupos ecoloxistas, sindicatos agrarios e a Consellería de Medio Ambiente para chegar a unha solución consensuada para esta ZEPA.

A ampliación proposta quere compensar as perto de 2.500 Ha que a Xunta de Galicia suprimiu da súa proposta inicial de ZEPA, a modo de establecer corredores ecolóxicos entre as tres zonas illadas coas que contará este futuro espazo protexido, amais de incluír dentro dos límites da ZEPA as areeiras de Sandiás e Vilar de Santos e varias zonas de cría e campeo de diversas especies incluídas dentro do Anexo I da Directiva Aves.