Consideramos insuficiente a proposta de ampliación xa que, a pesar de ser Galiza unha das tres Rede Natura 2000 por JL.Cernadas en Flickrcomunidades autónomas con maior número de hábitats, isto non se reflicte na escasa porcentaxe de 15,2% do territorio incluído na Rede Natura 2000, mentres que no conxunto do estado español a porcentaxe protexida supera o 25%. Este feito parece vir motivado por unha decisión baseada no oportunismo político ou o respaldo tácito a proxectos industriais, extractivos ou enerxéticos. A proposta de ampliación da Rede Natura 2000 debería non só dar cumprimento hipoteticamente a un mandato europeo, senón establecer unha rede de espazos protexidos que realmente garanta a protección e supervivencia de especies e hábitats.

A Xunta de Galicia atrasou de xeito irresponsable a revisión da Rede Natura 2000 en Galicia, pois dende a primeira Decisión da Comisión Europea (ano 2004) onde a proposta foi cualificada de insuficiente, pasaron oito anos. Debemos sinalar que tanto as ampliacións como as novas propostas recollidas no documento que nos ocupa son insuficientes, constatando a incorporación parcial de hábitats ou a exclusión doutros. Resulta tamén incomprensible a disparidade entre a superficie proposta na ampliación do ano 2008 (a cal non chegou a tramitarse) con 289.816 Ha. totais, e a que nos ocupa reducida a 154.175 Ha. Aínda que no texto da proposta se prima como criterio “contar coa representatividade adecuada das especies e tipos de hábitats de interese comunitario, que ter designada unha ampla superficie do territorio”, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría debería terse orientado por consideracións que fagan viable a súa continuidade futura. Neste sentido propoñemos:

            – Desenvolver ou restablecer axeitadamente os corredores ecolóxicos tendo en conta os cursos fluviais, as áreas de montaña e outros posibles elementos lineais que sirvan de enlace entre diferentes formacións ecolóxicas. O escaso desenvolvemento dos corredores ecolóxicos na proposta actual pon en risco a conectividade ecolóxica e a viabilidade biolóxica, mantendo os problemas de fragmentación dos hábitats.

           – A proposta de ampliación perpetúa un dos lastres da Rede Natura 2000 como é o seu escaso desenvolvemento nas provincias de A Coruña e Pontevedra, supoñendo no total da Rede só o 16% e 8% respectivamente. A marcada diferenza entre provincias parece proceder dunha determinada planificación territorial máis que dunha base ecolóxica real, de forma que a proposta non vén tentar paliar a maior presión que sobre os recursos e os espazos se realiza nas provincias de A Coruña e Pontevedra.

           – A inclusión de espazos debe estar motivada, xunto coa conservación de especies e espazos de interese, polo mantemento de ecosistemas naturais e seminaturais, favorecendo os obxectivos de conservación de bens e servizos ambientais que provén á sociedade. Por iso, é necesario equilibrar ao longo do territorio galego a distribución da Rede Natura 2000, primando os beneficios da conservación destes espazos e dos bens (produción agrícola, forestal, patrimonial e cultural, etc.) fronte a prácticas de tipo extractivo, industrial ou de xeración de enerxía.

           No que respecta á valoración por zonas feita dende Verdegaia destacamos os seguintes aspectos:

            Na Provincia da Coruña solicitouse a ampliación dos LIC Estaca de Vares e LIC Ortigueira-Mera. Considerouse positiva mais insuficiente a superficie ampliada nos LIC Costa Ártabra, LIC Fragas do Eume, LIC Xuvia-Castro e LIC Betanzos-Mandeo. Igualmente, é positiva a ampliación, pero segue a ser insuficiente a superficie proposta nos novos LIC Esteiro do Río Baxoi, LIC Río Belelle, LIC Río Sor, LIC Río Baleo. Por último, nesta provincia demandamos  a creación de dous novos LICs: LIC Ría de Ferrol e LIC Encoro das Forcadas.

            Na Provincia de Pontevedra solicitouse a ampliación dos LICs LIC Río Tea, LIC Gándaras de Budiño e LIC Illas Estelas. Considerouse positiva mais insuficiente a superficie ampliada no LIC A Ramallosa e demándase a creación dos seguintes novos LICs: LIC Montes do Morrazo e LIC Xunqueira do Lagares. Ademais, apoiáronse as alegacións referidas ás Serras da Groba e do Galiñeiro xunto con outros moitos colectivos.

             Nas Provincias de Ourense e Lugo solicítase a ampliación da superficie protexida na ZEPA A Limia e demándase a creación da ZEPA A Terra Chá.