Da mesma forma que no resto das principais cidades, Verdegaia presentou en Santiago unha iniciativa dirixida ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, con propostas para unha nova política municipal da auga acorde coa Directiva Marco da Auga e cos principios da Nova Cultura da Auga. A xuízo de Verdegaia-Compostela, a xestión municipal da auga debería caracterizarse pola promoción do aforro e a eficiencia, pola depuración adecuada das augas residuais e polo estímulo da participación social.
En Santiago e en Galicia está moi estendida a percepción de que a auga é un recurso abundante que se pode usar sen límites. Porén, o aforro e a eficiencia no uso da auga son sempre necesarias, pois conlevan a mellora do estado ecolóxico dos ecosistemas acuáticos, a redución do volume de augas residuais, a diminución do consumo de electricidade (na potabilización, na depuración,…) e unha menor necesidade de construír encoros de abastecemento. Por iso, moitas cidades de todo o mundo con dispoñibilidades similares ou superiores de auga están a tomar iniciativas para diminuír o seu consumo de auga. Ademais, hai que ter en conta que se trata dunha acción necesaria como medida de adaptación ao cambio climático, que vai reducir, en maior ou menor medida, a dispoñibilidade de auga en Galicia.
En Santiago, o consumo excesivo de auga e a depuración insuficiente das augas residuais están a incidir sobre o río Tambre, de onde se extrae a maior parte da auga para abastecemento, e sobre o Sar, que recibe un volume importante de augas sen depurar e áchase seriamente contaminado. O aumento previsto do consumo de auga en Santiago baséase na ampliación da captación no río Tambre até perto dos 1.000 l/sg, sen que até o momento se teña feito un estudo detallado e rigoroso sobre o seu impacto na vida do río, estudo que foi requirido pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta, a través da resolución na que decidiu non someter a avaliación ambiental estratéxica a revisión do Plano Xeral de Ordenamento Municipal.
11 medidas
A proposta presentada por Verdegaia contén once medidas para definir unha estratexia municipal da auga. Para impulsar o aforro e a eficiencia proponse a elaboración dun Plano Integral de Xestión da Demanda de Auga que incorpore accións como a redución das perdas na rede de distribución, un amplo programa de educación e sensibilización cidadá, unha política tarifaria que incentive o aforro e penalice o desperdicio e que o Concello asuma un papel exemplificador de boas prácticas. No que atinxe ao saneamento e á depuración, destácase a urxencia da renovación e ampliación da estación depuradora da Silvouta e propóñense medidas como a separación progresiva das augas pluviais das residuais ou o recurso a técnicas de depuración brandas para os pequenos núcleos de poboación do Concello sen conexión á rede de saneamento.
A proposta, que Verdegaia solicitou ao alcalde e aos diversos Grupos Municipais que sexa debatida no Pleno, defende maior transparencia na xestión da auga e a participación da cidadanía na definición das políticas municipais, a través dun Foro pola Nova Cultura da Auga, que podería funcionar como órgano independente ou como comisión de traballo do Consello Municipal de Medio Ambiente, inactivo na pasada lexislatura.
A moción tamén propón que se fomente o consumo de augas locais de calidade (de fontes e da billa) para a bebida, en lugar do consumo de augas embotelladas, como opción saudable e ecolóxica (menor consumo de enerxía, redución da produción de residuos de envases,…) garantindo a calidade da auga da traída e das fontes utilizadas tradicionalmente pola poboación.
Descarga o texto da proposta: