Unha rápida lectura dos últimos informes sobre a situación do medio ambiente a nivel global debería bastar para concluír que a saúde do noso planeta dista moito de ser boa: deforestación, desertización, contaminación de ríos e océanos, desigualdades sociais, consumo desaforado de enerxía, desaparición de linguas e culturas, emisións de gases contaminantes, etc. Non obstante, unha gran parte da información que nos chega directa ou indirectamente non parecen reflectir -ou polo menos non coa gravidade que sería de esperar- o negro panorama que algúns documentos amosan.
De por si, esta situación resulta preocupante: se non estamos a recibir a información correcta dificilmente poderemos asumir a complexa crise ambiental e moito menos interiorizar as transformacións necesarias para facerlle fronte. Pero non resulta aínda máis preocupante cando a fonte de información son os libros de texto?
Denominamos currículum oculto a aquelas leccións ou aprendizaxes que son incorporados polos estudantes aínda que ditos aspectos non figuren no currículum oficial. Este currículum xoga un papel destacado na configuración duns significados e duns valores dos que o colectivo docente e o mesmo alumnado non adoitan ser plenamente conscientes.
Para saber cales eran as mensaxes explícitas, implícitas, as omisións ou as deformacións dos contidos dos libros de texto, Verdegaia articulou un grupo de traballo para analizar o currículo oculto antiecolóxico dos libros de texto en Galicia.
Analizamos criticamente libros de texto de 6º de primaria e 1º de bacharelato de diversas materias e editoriais. O resultado desta análise resulta demoledor: as e os estudantes que empreguen os manuais analizados neste estudo están a ser adoutrinadas/os nunha forma de ver e comprender a realidade que non ten en conta os límites da biosfera, que ignora interesadamente os impactos da tecnoloxía dixital, que segue a relegar a muller a un papel secundario e que despreza a relación directa coa terra e coa nosa comunidade local… entre outros aspectos.
Nada se fala de conceptos como a biomímese ou o decrecemento, do saudábel (mental e fisicamente…) do transporte en bicicleta, da soberanía alimentar ou do contacto directo coas produtoras/es, das mulleres que fixeron e fan historia, da complexidade e riqueza dos milleiros de culturas e cosmovisións que existen no planeta ou da necesidade de artellar medios de comunicación colectivos e alternativos.
Con este estudo quixemos coñecer que era o que estaba a chegar "oficialmente" aos centros educativos, que aspectos estaban a ser os claves na definición dos significados e valores da poboación estudante e docente. Os nosos obxectivos: sacar á luz os discursos insostibles e promover unha lectura crítica dos materiais educativos.
Este estudo divulgarase polos centros educativos a través de distintos axentes: profesorado, sindicatos, asociacións de nais e pais, estudantes. Queremos xerar un clima de debate acerca do porqué dos contidos científicos e culturais cos que se traballa e como se traballan; sobre as fontes e metodoloxías coas que facilitamos a reflexión dos alumnos e alumnas e lles permitimos comprender a súa realidade e as/os capacitamos para seguir analizando e poder intervir solidaria, democrática e eficazmente nas diversas esferas da vida da súa comunidade; sobre as lentes coas que vemos o mundo e como poder facerlles fronte aos necesarios cambios que esixe a situación socioambiental.