A celebración das eleccións municipais do próximo 27 de maio é unha boa oportunidade para que a cidadanía e os partidos políticos reflexionemos sobre a situación ambiental e a sustentabilidade e sobre a súa relación coas políticas municipais. Para contribuír ao debate, Verdegaia presenta un conxunto de propostas para mellorar a nosa calidade de vida desde os Concellos de forma sustentable. En xeral, as administracións locais galegas teñen moi pouca sensibilidade ambiental e están a contribuír moito para que Galicia avance nun sentido contrario ao desenvolvemento sustentable.

Os concellos galegos non están a asumir a súa parte de responsabilidade na defensa do medio ambiente e na promoción do desenvolvemento sustentable. O máis común é que, contradicindo a súa cada vez máis frecuente retórica “verde”, as administracións municipais contribúan a agravar a deterioración ambiental e a afondar na insustentabilidade, tanto a nivel local e galego como global, por exemplo, impulsando crecementos urbanísticos excesivos e/ou dispersos, fomentando de diversas formas o uso do vehículo privado, optando preferentemente polo vertido ou a incineración como sistemas de tratamento dos residuos urbanos ou permitindo altos niveis de ruido en certas zonas. A concepción do desenvolvemento que prevalece é resesa, localista e curtopracista e atende máis aos intereses privados que aos colectivos.

A acción ou inhibición dos concellos galegos ten moito que ver con problemas como o forte aumento das emisións galegas que provocan o cambio climático, a degradación crecente do noso territorio, os baixos niveis de reciclaxe do lixo, a ineficiencia no uso da auga, a contaminación dos ríos e rías, os incendios forestais ou a exposición de parte da poboación a niveis elevados de ruido.

Verdegaia presenta un conxunto de propostas dirixidas aos concellos galegos que mellorarían a calidade de vida dos veciños e veciñas asegurando un desenvolvemento ecoloxicamente sustentable, socialmente xusto e economicamente viable. As propostas agrúpanse en diversos apartados: planificación para a sustentabilidade (Axenda 21 local), urbanismo, transporte e mobilidade, enerxía e cambio climático, lixo, auga, conservación da natureza, monte e incendios, transxénicos, defensa animal, cooperación ao desenvolvemento, contratación pública, e información, educación e participación. A continuación destacamos algunhas delas:

Desenvolver un proceso de Axenda 21 local ou comarcal, cun forte respaldo político do goberno municipal, vencellado ás estratexias de sustentabilidade supralocais e de xeito amplamente participativo.

-Axustar o crecemento urbanístico ás necesidades reais da poboación. Para iso, adoptaranse medidas como, por exemplo, planificar os novos crecementos arredor dos núcleos de poboación existentes, renunciando á construción de novas urbanizacións illadas, ou priorizar o aluguer e a rehabilitación sobre a propiedade e a construción de novos edificios.

Desenvolver un Plano de Mobilidade Sustentable para reducir o número de vehículos en circulación a través dunha dobre estratexia: disuadir do uso do automóbil privado e simultaneamente dar facilidades para os medios sustentables (camiñar, bicicleta, transporte colectivo).

Promover o aforro de enerxía, facendo do concello un exemplo de boas prácticas e estimulando o aforro en fogares, comercios e empresas do municipio.

-Priorizar as políticas de prevención e redución do lixo, promover a compostaxe e a reciclaxe a través de plantas comarcais e renunciar á incineración, demandando á Xunta a reconversión do complexo de SOGAMA para que deixe de incinerar antes do 2010.

-Cobrar polo consumo real de auga e establecer un sistema de bloques na tarifa da auga, de xeito que o seu prezo se incremente sustancialmente a medida que aumente o consumo, e garantir a depuración das augas residuais urbanas.

-Crear Espazos Naturais Protexidos de Interese Local, figura de protección legal prevista na lei autonómica de conservación da natureza e até hoxe non aplicada.

-Aplicar un Plano municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, de acordo coa lei autonómica de prevención e defensa contra os incendios forestais.

-Declarar o municipio como Zona Libre de Transxénicos.

-Establecer criterios ecolóxicos e sociais na política de compra e contratación.

Descarga o documento con todas as propostas e axúdanos a difundilas!:  

Propostas de Verdegaia para os Concellos.pdf