Verdegaia propón que a loita contra os incendios forestais descanse sobre catro eixos: o estudo profundo das caugaliza_lume.jpgsas e a persecución intensa dos incendiarios; a aposta forte pola prevención; a mellora da extinción e unha nova política de montes sustentable. Galicia é, xunto co norte de Portugal, a zona da UE onde máis incendios teñen lugar en comparación coa superficie forestal, cunha media de 50 lumes por cada 10.000 hectáreas de superficie forestal entre 1991 e 2004.

 

Verdegaia compareceu onte perante a comisión de estudo do Parlamento de Galicia sobre os incendios, onde presentou o documento “Os incendios en Galicia. Análise e propostas”, no que ao longo de 46 páxinas, analisa as causas e as consecuencias dos lumes e a política autonómica antiincendios e propón solucións realizables. Verdegaia defende o estudo profundo das causas dos incendios e a persecución intensa dos incendiarios, con medidas a curto prazo como o aumento por tres do número de Brigadas de Investigación Forestal da Consellería do Medio Rural e de policías autonómicos especializados en incendios, ou o fortalecemento das fiscalías de incendios. No período 1998-2003 non se chegaron nin tan sequera a estimar as causas dunha media anual de 4.038 lumes.

A prevención debería ser un dos eixos principais da estratexia para combater o lume, a través de accións como o fomento do aproveitamento da biomasa forestal para a elaboración de abono ou a produción de enerxía, a promoción do pastoreo ordenado no monte, o impulso dun ambicioso programa de educación ambiental ou a creación de máis Equipos de Prevención Integral de Incendios Forestais (EPRIF), dos que en Galicia só traballan 3. Porén, o maior esforzo en prevención non se debe facer á custa de debilitar o dispositivo de extinción.

Nova política de montes sustentable

Para atacar as causas estruturais que favorecen a aparición dos lumes, Verdegaia propón unha nova política de montes sustentable que vaia da man do ordenamento adecuado do territorio e da promoción do desenvolvemento rural. Neste senso, entre outras cousas, propón un programa para o control das plantacións de eucalipto, a mellora e a ampliación dos montes de xestión pública -que deberían ser referentes de xestión forestal sustentábel-, e prioridade para a defensa e a promoción da xestión dos montes comunais. Estes supoñen o 30% da superficie forestal e son os “latifundios” do monte galego, pois teñen unha superficie media de 250 ha, o que, xunto coa súa forma de propiedade comunal, favorecen a súa xestión sustentábel.

Para avanzar no aproveitamento sustentábel do monte e na loita contra os lumes Verdegaia considera esencial que haxa máis intervención dos poderes públicos, máis participación social e un amplo pacto social e económico contra os lumes.

Algúns feitos destacables

Entre os anos 2000 e 2005 o número medio anual de lumes en Galicia foi de 10.748, fronte aos 1.721 rexistrados na década de 70. Desde 1995, ano no que houbo 15.000 lumes, obsérvase unha pequena tendencia ao descenso.

∙O monte non só arde en verán. A estatística da Xunta amosa que a “estación de incendios” iníciase a finais do inverno e remata a mediados de outubro, existindo dous picos de lumes, un a finais do inverno e comezos da primavera e outro en agosto-setembro.

Máis lumes co cambio climático: o cambio climático proxectado se non se reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro suporá na Península Ibérico o aumento dos índices medios de perigo de incendios e, en particular, a frecuencia de situacións extremas.

O principal efecto ambiental negativo dos incendios é a erosión do solo. Como termo medio, pódese estimar unha perda anual de 20 toneladas por hectárea queimada. Outro efecto importante, como vimos neste comezo de outono en diversos puntos de Galicia, son as enxurradas, dando lugar a catástrofes locais.

O monte galego é explosivo, arde con facilidade a pouco que as condicións climáticas sexan favorábeis. A partir de datos do 3º Inventario Forestal (1997-2006), estímase que o 10,4 % da superficie de monte presenta unha combustibilidade extrema, o 73,8% unha combustibilidade alta e o 15,3% unha combustibilidade de moderada a reducida.

∙Segundo a estatístitica do Ministerio de Medio Ambiente, no período 2000-2004 o 85% dos lumes en Galicia foron intencionados. Entre os incendios intencionados, non se determinaron as motivacións do 31%. Galicia está a cola das comunidades autónomas en grao de coñecemento da causalidade dos incendios.

As motivacións que poden están detrás dos lumes intencionados son múltiples e diversas, e a súa importancia relativa varía segundo as zonas e o período temporal considerados, polo que se debe fuxir de simplificacións e de xeralizacións abusivas. As motivacións coñecidas até agora máis importantes dos lumes intencionados son as queimas agrícolas e para rexenerar pasto para o gando extensivo.

Nin neste ano nin en anos anteriores, se demostrou a existencia de tramas organizadas, ou a actuación de grupos políticos como causa dunha parte importante dos lumes. Segundo a estatística do Ministerio de Medio Ambiente, no período 1998-2003 e en todo o Estado español, o número medio anual de lumes provocados por “grupos políticos” para malestar foi de tan só 3, unha cifra insignificante.

No período 2000-2004 o orzamento medio anual da Xunta para monte e conservación da natureza foi de 88.695.263 euros, unha cifra moi inferior á que sería non só desexábel senón tamén posíbel. O que investiu a Xunta neses cinco anos en monte e conservación da natureza (443 millóns de euros) e pouco máis que o investimento previsto nun só monte, o Gaiás, onde se constrúe a Cidade da Cultura (430 millóns).

Descarga o documento completo:

Os incendios en Galicia. Analise e propostas de Verdegaia.pdf

Descarga unha presentación resumo do documento:

Presentacion Os incendios en Galicia. Analise e propostas.pdf