Verdegaia presenta a obra de Manuel Casal Lodeiro Las verdades incómodas de la trasición energética, publicado por Icaria en 2024. Acompañado por Xoán Doldán, profesor de economía aplicada na USC

  • Martes 12 de maio
  • ás 19:30h.
  • na Livraria Aenea de Compostela

A obra ofrece unha mirada en perspectiva da Transición Enerxética e como esta se formula como un problema sistémico da nosa cultura que necesita dunha configuración profunda e rápida para unha adaptación da nosa especie aos fluxos de enerxía procedentes do sol. 

O obxectivo principal deste libro é expoñer as verdades incómodas que achega a Transición Enerxética, analizando de maneira crítica certas políticas “verdes” establecidas en democracias liberais, chegando á conclusión de que son irreais, tecno-optimistas, contraditorias coa evidencia empírica ou incompatíbeis con outros obxectivos necesarios.

A Transición Enerxética propón un descenso do consumo de combustíbeis fósiles, debido ao seu gran impacto no medio ambiente. Esta idea implicou o desenvolvemento de medios alternativos para a obtención de enerxía, como as enerxías renovábeis (eólica ou fotovoltaica, por exemplo). Non obstante, o autor retracta como durante a historia as Transicións Enerxéticas nunca supuxeron a eliminación da fonte de enerxía anterior, polo que a formulación da transición non cumpre o obxectivo de poñer un límite á crise climática. 

A obra destaca pola súa natureza interdisciplinar, estando ben documentado tanto científica como filosoficamente, achegando datos, gráficas e táboas que fundamentan de maneira contundente as posicións defendidas polo autor. Ademais, ten un marcado carácter divulgativo que o fai preciso para o alcance de todos os públicos. 

Sobre o autor
Manuel Casal Lodeiro é coñecido polo seu labor no eido político, cultural e social. Criado no Barakaldo dos anos 70, é un divulgador de propostas ecoloxistas nun contexto de desastres producidos polo uso desmedido de enerxías non renovábeis. 

Durante a súa vida promoveu diversos proxectos como Véspera de Nada para unha Galiza sen Petróleo, así como fundou e coordinou a Revista 15/15\15, un medio de comunicación independente que buscar contribuír á construción dunha nova cultura orientada ás necesidades humanas. 

Tamén escribiu diversas obras como “Si vis pacem, para descensum” ou “Nosotros, los detrívoros”, nos que busca informar sobre a necesidade dun modelo de vida compatíbel coa supervivencia e a boa vida da especie humana.